Gómez Besteiro une a tradición troiteira da Pontenova e Oroso
![](/sites/deputacionlugo.org/files/Imagenes/2_9900_1.jpg)
O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, ofreceu este domingo o pregón da XVIII Festa da Troita de Oroso, unha cita que este ano, segundo as previsións da organización, reunirá a unhas 25.000 persoas. Na súa intervención, Gómez Besteiro uniu a tradición troiteira deste concello coruñés co lucense da Pontenova, destacando os lazos de amizade e colaboración que ambos municipios fomentan grazas ás súas respectivas citas festivas. O Presidente defendeu unha irmandade municipalista, que sempre tratarei de inculcar e potenciar en todos os municipios de Galicia para acadar un proxecto de progreso real, tan necesario actualmente, para o noso país.
Así mesmo, o Presidente provincial destacou a capacidade da cita de Oroso, a primeira e única declarada de Interese Turístico na súa comarca, para fomentar o turismo e, polo tanto, o desenvolvemento económico da zona, ó exaltar a súa riqueza natural dende o ámbito deportivo, paisaxístico, cultural e gastronómico. Besteiro gabou o amplísimo programa de actividades de lecer e culturais que engrandecen, máis se cabe, a verdadeira motivación destes días nas terras de Oroso, o Concurso de Pesca, que sitúa a esta localidae no centro do mapa pesqueiro de Galicia, moi a carón da Pontenova.
As troitas do río Cabrón
Gómez Besteiro aludiu tamén á densa rede hidrográfica de Oroso, terra de auga, na que quixo destacar un río ben troiteiro que leva por nome Cabrón. Hai exactamente 130 anos, o ilustre poeta galego Eduardo Pondal escribía un longo poema dedicado a este río no que, polo ton dos seus versos, poderíamos deducir que as listísimas troitas que habitan nel ata poderían ir de pé, ironizou o Presidente.
Por outra banda, quixo felicitar ó alcalde e á corporación de Oroso por ser pioneiros en renderlle merecida homenaxe a Díaz Pardo, dedicándolle en vida a praza central de Sigüeiro, a capitalidade municipal. Foi un destacado intelectual galeguista, pintor, ceramista, deseñador, editor e empresario galego, ó que sempre definín como o verdadeiro pai do I+D+i galego.