Deputación de Lugo

Gómez Besteiro une a tradición troiteira da Pontenova e Oroso

- O Presidente ofreceu o pregón da XVIII Festa da Troita de Oroso, onde destacou os “lazos de amizade e colaboración” que fomentan o concello coruñés e o lucense grazas ás súas respectivas citas festivas- Besteiro destacou a capacidade da festa orosana, que este ano atraerá a unhas 25.000 persoas, para “fomentar o turismo e, polo tanto, o desenvolvemento económico” da comarca  

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, ofreceu este domingo o pregón da XVIII Festa da Troita de Oroso, unha cita que este ano, segundo as previsións da organización, reunirá a unhas 25.000 persoas. Na súa intervención, Gómez Besteiro uniu a tradición troiteira deste concello coruñés co lucense da Pontenova, destacando “os lazos de amizade e colaboración” que ambos municipios fomentan grazas ás súas respectivas citas festivas. O Presidente defendeu “unha irmandade municipalista”, que sempre “tratarei de inculcar e potenciar en todos os municipios de Galicia para acadar un proxecto de progreso real, tan necesario actualmente, para o noso país”.

Así mesmo, o Presidente provincial destacou a capacidade da cita de Oroso, a primeira e única declarada de Interese Turístico na súa comarca, “para fomentar o turismo e, polo tanto, o desenvolvemento económico” da zona, ó exaltar a súa riqueza natural “dende o ámbito deportivo, paisaxístico, cultural e gastronómico. Besteiro gabou o “amplísimo programa de actividades” de lecer e culturais que “engrandecen, máis se cabe, a verdadeira motivación destes días nas terras de Oroso, o Concurso de Pesca, que sitúa a esta localidae no centro do mapa pesqueiro de Galicia, moi a carón da Pontenova”.

As troitas do río Cabrón
Gómez Besteiro aludiu tamén á “densa rede hidrográfica de Oroso, terra de auga”, na que quixo destacar un “río ben troiteiro que leva por nome Cabrón”. “Hai exactamente 130 anos, o ilustre poeta galego Eduardo Pondal escribía un longo poema dedicado a este río no que, polo ton dos seus versos, poderíamos deducir que as listísimas troitas que habitan nel ata poderían ir de pé”, ironizou o Presidente.

Por outra banda, quixo felicitar ó alcalde e á corporación de Oroso “por ser pioneiros en renderlle merecida homenaxe a Díaz Pardo”, dedicándolle en vida a praza central de Sigüeiro, a capitalidade municipal. “Foi un destacado intelectual galeguista, pintor, ceramista, deseñador, editor e empresario galego, ó que sempre definín como o verdadeiro pai do I+D+i galego”.