A Deputación forzou unha reunión con Xunta e concellos do Courel, Quiroga para desbloquear os pagos dos GES
![Imaxe deputación de lugo](/sites/deputacionlugo.org/files/default_images/depulugo001.jpg)
A Deputación de Lugo forzou unha reunión a tres bandas entre a propia institución provincial, a Xunta e os concellos do Courel, Quiroga e Guitiriz para desbloquear o pago das aportacións correspondentes a estes tres municipios despois de que incumpriran as condicións establecidas no convenio. O organismo lugués propuxo esta vía pensando no interese xeral e demostrando a nosa vontade de chegar a unha solución, subliñou o voceiro socialista do Goberno provincial, Manuel Martínez.
O obxectivo, explicou o Deputado, é que estes tres Concellos presenten documentación firmada polos secretarios municipais certificando que cumpren coas condicións incluídas no convenio asinado nesta Deputación no ano 2013. Martínez fixo fincapé en que a Deputación só pagará a estes municipios no caso de que demostren que respectaron ó igual que os restantes Concellos.
Atención á rede provincial de estradas
Por outra banda, ante as manifestacións dos Concellos do Courel, Quiroga e Guitiriz anunciando que limitarán as actuacións dos seus GES nas estradas provinciais ata que a Deputación libre o pagos, Martínez, deputado delegado de Xestión Territorial, subliñou que o organismo lugués dispón dun eficaz servizo de conservación que se ocupa do mantemento da rede viaria e atende calquera incidencia que se produza nun tempo máis que razoable. Entendo que algún destes alcaldes, alcaldesas non queiran que saian os seus familiares de noite para atender emerxencias, é normal, pero non deben preocuparse, cando non había GES xa atendíamos perfectamente as estradas provinciais do Courel, Quiroga e Guitiriz e ímolo seguir facendo, indicou.
Sabemos que en xeral os GES fan un moi bo labor e son necesarios, pero no caso destes tres non deixan de ser chiringuitos particulares, engadiu.
Martínez lamentou este tipo de declaracións vindo duns concellos que incumpriron dende o primeiro momento un convenio, que si cumpriron os 27 municipios restantes de Galicia, e que son incapaces de presentar a documentación que lles requirimos para facelos pagos.