Deputación de Lugo

A Deputación forzou unha reunión con Xunta e concellos do Courel, Quiroga para desbloquear os pagos dos GES

Imaxe deputación de lugo
- O organismo provincial propuxo esta vía “pensando no interese xeral” e demostrando “a nosa vontade de chegar a unha solución”, subliñou Martínez
- O voceiro socialista do Goberno provincial asegurou que a Deputación só pagará a estes municipios en caso de que demostren cunha certificación dos secretarios municipais que cumpriron as condicións do convenio
- A institución dispón dun “eficaz servizo de conservación que se ocupa do mantemento da rede viaria provincial e atende calquera incidencia nun tempo máis que razoable”, destacou o Deputado

A Deputación de Lugo forzou unha reunión a tres bandas entre a propia institución provincial, a Xunta e os concellos do Courel, Quiroga e Guitiriz para desbloquear o pago das aportacións correspondentes a estes tres municipios despois de que incumpriran as condicións establecidas no convenio. O organismo lugués propuxo esta vía “pensando no interese xeral” e demostrando “a nosa vontade de chegar a unha solución”, subliñou o voceiro socialista do Goberno provincial, Manuel Martínez.

O obxectivo, explicou o Deputado, é que estes tres Concellos presenten  documentación firmada polos secretarios municipais “certificando que cumpren coas condicións incluídas no convenio asinado nesta Deputación no ano 2013”. Martínez fixo fincapé en que “a Deputación só pagará a estes municipios no caso de que demostren que respectaron ó igual que os restantes Concellos”.

Atención á rede provincial de estradas
Por outra banda, ante as manifestacións dos Concellos do Courel, Quiroga e Guitiriz anunciando que limitarán as actuacións dos seus GES nas estradas provinciais ata que a Deputación libre o pagos, Martínez, deputado delegado de Xestión Territorial, subliñou que o organismo lugués “dispón dun eficaz servizo de conservación que se ocupa do mantemento da rede viaria e atende calquera incidencia que se produza nun tempo máis que razoable”. “Entendo que algún destes alcaldes, alcaldesas non queiran que saian os seus familiares de noite para atender emerxencias, é normal, pero non deben preocuparse, cando non había GES xa atendíamos perfectamente as estradas provinciais do Courel, Quiroga e Guitiriz e ímolo seguir facendo”, indicou.
“Sabemos que en xeral os GES fan un moi bo labor e son necesarios, pero no caso destes tres non deixan de ser chiringuitos particulares”, engadiu.

Martínez lamentou este tipo de declaracións “vindo duns concellos que incumpriron dende o primeiro momento un convenio, que si cumpriron os 27 municipios restantes de Galicia, e que son incapaces de presentar a documentación que lles requirimos para facelos pagos”.