A Deputación de Lugo convírtese na primeira institución provincial de España en traballar coa Banca Ética
A Deputación de Lugo vén de converterse na primeira institución provincial de España en formar parte da banca cooperativa, grazas ao convenio asinado con Fiare Banca Ética, a maior entidade cooperativa de crédito de Europa, do que deu conta hoxe a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, e co que a institución luguesa aporta fondos pasando a ser un dos máis de 37.000 asociados cos que conta Fiare en toda Europa, 5.000 destes en España.
García Porto fixo este anuncio durante a inauguración das xornadas técnicas e informativas que comezaron hoxe no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, na que estivo acompañada polo coordinador local de Fiare en Lugo, Xabier Bruña, e o director de Operacións de Fiare Banca Ética, Juan Garibi, un dos poñentes das xornadas. García Porto subliñou que esta aposta por unha banca alternativa á convencional responde ao obxectivo da Deputación de Lugo de situar ás persoas no centro de todas as políticas públicas, así como ao de traballar sempre de xeito transparente, xa que o feito de que calquera poida saber en todo momento que somos, que facemos e como o facemos, é a maior mostra de respecto pola cidadanía e polos seus dereitos que se pode facer dende as institucións.
Con esta achega, tal e como destacou a Deputada, o organismo provincial contribúe a incrementar o capital social desta banca cooperativa, na que todos os asociados son propietarios, asegurando así a súa independencia e facendo desta banca un proxecto de democracia económica. Esta banca cooperativa centra a súa acción no desenvolvemento de iniciativas socialmente responsables, especialmente aqueles relacionados coa educación, a agroecoloxía, a inserción sociolaboral das persoas ou o comercio xusto.
Como funciona Fiare
A achega económica da Deputación pasará a formar parte do capital social de Fiare e estará destinada, ao igual que o capital aportado polos demais asociados, a financiar proxectos que prioricen o respecto ao medio ambiente e a creación de postos de traballo en ámbitos como a prestación de servizos ou outras actividades produtivas.
Os proxectos candidatos a recibir financiación son avaliados por comisións que traballan a nivel local e que están formadas por asociados elixidos de maneira asamblearia. Estas comisións son unha ferramenta esencial para a Banca Ética, xa que o feito de que funcionen a nivel local favorece que os seus membros coñezan de primeira man o tecido social e organizativo do territorio e traballan con criterios de viabilidade moi axustados á realidade.
Unha vez aprobados os proxectos por parte destas comisións locais, a súa viabilidade económico-financeira é analizada pola operativa bancaria. Fiare Banca Ética forma parte da Federación de Finanzas e Bancos Éticos e Alternativos da Unión Europea, unha organización sen ánimo de lucro con sede en Bruxelas.
Mañá, nova xornada informativa
As xornadas organizadas pola Deputación de Lugo e Fiare continuarán mañá a partires das 10:00 horas, coa celebración de diversas poñencias de carácter informativo, dirixidas á cidadanía, nas que se dará a coñecer máis polo miúdo en que consiste a Banca Ética, como traballa e como se pode pasar a formar parte da mesma, así como os servizos que esta ofrecerá, primeiro a asociados e logo ao resto da poboación, como banca online, e que permitirá realizar depósitos, domiciliacións, transferencias ou pagos con tarxetas. A asistencia e gratuíta e libre ata completar aforo.