Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo convírtese na primeira institución provincial de España en traballar coa Banca Ética

- A institución luguesa pasa a formar parte dos asociados de Fiare Banca Ética, o principal banco cooperativo de Europa, achegando fondos para a financiación de proxectos socialmente responsables - Así o anunciou Pilar García Porto durante a inauguración das xornadas técnicas e informativas dirixidas a administracións e cidadanía que acolle dende hoxe o Salón de Actos do Pazo de San Marcos   - As xornadas continuarán mañá a partires das 10:00 horas, coa celebración de poñencias de carácter informativo, dirixidas á cidadanía. A asistencia e gratuíta e libre ata completar aforo

A Deputación de Lugo vén de converterse na primeira institución provincial de España en formar parte da banca cooperativa, grazas ao convenio asinado con Fiare Banca Ética, a maior entidade cooperativa de crédito de Europa, do que deu conta hoxe a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, e co que a institución luguesa aporta fondos pasando a ser un dos máis de 37.000 asociados cos que conta Fiare en toda Europa, 5.000 destes en España.

García Porto fixo este anuncio durante a inauguración das xornadas técnicas e informativas que comezaron hoxe no Salón de Actos do Pazo de San Marcos, na que estivo acompañada polo coordinador local de Fiare en Lugo, Xabier Bruña, e o director de Operacións de Fiare Banca Ética, Juan Garibi, un dos poñentes das xornadas. García Porto subliñou que esta aposta por unha banca alternativa á convencional responde ao obxectivo da Deputación de Lugo de “situar ás persoas no centro de todas as políticas públicas”, así como ao de traballar sempre de xeito transparente, xa que “o feito de que calquera poida saber en todo momento que somos, que facemos e como o facemos, é a maior mostra de respecto pola cidadanía e polos seus dereitos que se pode facer dende as institucións”.

Con esta achega, tal e como destacou a Deputada, o organismo provincial contribúe a incrementar o capital social desta banca cooperativa, na que “todos os asociados son propietarios, asegurando así a súa independencia e facendo desta banca un proxecto de democracia económica”. Esta banca cooperativa centra a súa acción no desenvolvemento de iniciativas socialmente responsables, especialmente aqueles relacionados coa educación, a agroecoloxía, a inserción sociolaboral das persoas ou o comercio xusto.

Como funciona Fiare
A achega económica da Deputación pasará a formar parte do capital social de Fiare e estará destinada, ao igual que o capital aportado polos demais asociados, a financiar proxectos que prioricen o respecto ao medio ambiente e a creación de postos de traballo en ámbitos como a prestación de servizos ou outras actividades produtivas.

Os proxectos candidatos a recibir financiación son avaliados por comisións que traballan a nivel local e que están formadas por asociados elixidos de maneira asamblearia. Estas comisións son unha ferramenta esencial para a Banca Ética, xa que o feito de que funcionen a nivel local favorece que os seus membros coñezan de primeira man o tecido social e organizativo do territorio e traballan con criterios de viabilidade moi axustados á realidade.

Unha vez aprobados os proxectos por parte destas comisións locais, a súa viabilidade económico-financeira é analizada pola operativa bancaria. Fiare Banca Ética forma parte da Federación de Finanzas e Bancos Éticos e Alternativos da Unión Europea, unha organización sen ánimo de lucro con sede en Bruxelas.

Mañá, nova xornada informativa
As xornadas organizadas pola Deputación de Lugo e Fiare continuarán mañá a partires das 10:00 horas, coa celebración de diversas poñencias de carácter informativo, dirixidas á cidadanía, nas que se dará a coñecer máis polo miúdo en que consiste a Banca Ética, como traballa e como se pode pasar a formar parte da mesma, así como os servizos que esta ofrecerá, primeiro a asociados e logo ao resto da poboación, como banca online, e que permitirá realizar depósitos, domiciliacións, transferencias ou pagos con tarxetas. A asistencia e gratuíta e libre ata completar aforo.