Deputación de Lugo

A Deputación lamenta o falecemento do escritor Agustín Fernández Paz

Imaxe deputación de lugo

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, enviou este mércores un telegrama á familia de Agustín Fernández Paz, trasladándolle o pesar de toda a Corporación Provincial pola morte “dun defensor sen concesións da lingua galega”.

“Fernández Paz, foi un dos máximos expoñentes actuais da literatura galega”, remarcou. Entre os seus galardóns destaca o Premio Nacional de Literatura Infantil que acadou no ano 2008, coa obra “O único que queda é o amor”.

“O escritor chairego foi mestre vocacional. Por iso, a súa obra é fundamental para entender a renovación educativa da nosa Comunidade”, apuntou. Tamén foi precursor de varios ensaios dedicados ao ensino, e autor de múltiples obras como “Cartas de inverno”, “A viaxe de Gagarin”, “Trece anos de Branca”, “Non hai noite tan longa”, “O meu nome é Skywalker", ou a “Escola dos piratas”, entre outras.

Darío Campos sinalou que a obra de Fernández Paz transcende da literatura ao persoal, dado o seu carácter “humilde e cordial, moi apreciado entre os veciños da súa Vilalba natal, o que fai merecedor do seu recoñecemento por todos os lucenses e por todos os galegos”.

A familia do escritor celebrará esta tarde, ás 19.00 horas, un acto na súa memoria no salón de cerimonias do Tanatorio de Pereiró en Vigo.