A Deputación lamenta o falecemento do escritor Agustín Fernández Paz

O Presidente da Deputación, Darío Campos Conde, enviou este mércores un telegrama á familia de Agustín Fernández Paz, trasladándolle o pesar de toda a Corporación Provincial pola morte dun defensor sen concesións da lingua galega.
Fernández Paz, foi un dos máximos expoñentes actuais da literatura galega, remarcou. Entre os seus galardóns destaca o Premio Nacional de Literatura Infantil que acadou no ano 2008, coa obra O único que queda é o amor.
O escritor chairego foi mestre vocacional. Por iso, a súa obra é fundamental para entender a renovación educativa da nosa Comunidade, apuntou. Tamén foi precursor de varios ensaios dedicados ao ensino, e autor de múltiples obras como Cartas de inverno, A viaxe de Gagarin, Trece anos de Branca, Non hai noite tan longa, O meu nome é Skywalker", ou a Escola dos piratas, entre outras.
Darío Campos sinalou que a obra de Fernández Paz transcende da literatura ao persoal, dado o seu carácter humilde e cordial, moi apreciado entre os veciños da súa Vilalba natal, o que fai merecedor do seu recoñecemento por todos os lucenses e por todos os galegos.
A familia do escritor celebrará esta tarde, ás 19.00 horas, un acto na súa memoria no salón de cerimonias do Tanatorio de Pereiró en Vigo.