O Presidente da Deputación participa na concentración de repulsa polo asasinato de Isaías Carrasco
![](/sites/deputacionlugo.org/files/Imagenes/0_3119_1.jpg)
Políticos e cidadáns participaron na concentración de repulsa polo atentado de ETA que o pasado venres custaba a vida ó ex concelleiro socialista de Mondragón Isaías Carrasco. No acto participaron, entre outras autoridades, o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, o Vicepresidente Primeiro, Antón Bao, o Alcalde de Lugo, José López Orozco, o Subdelegado do Goberno, Jesús Otero, e o Conselleiro de Industria, Fernando Blanco. Un cento de persoas mantiveron cinco minutos de silencio nos soportais da Casa Consistorial de Lugo. Deste xeito quixeron amosar ó seu apoio á familia, ós amigos e ós compañeiros de Isaías Carrasco así coma a condena máis enérxica contra o terrorismo e o atentado do venres na localidade guipuzoana. A concentración finalizou con aplausos. Ó remate do acto, o Presidente da Deputación dixo que estes soportais son unha metáfora do que é a democracia que nos mantén a cuberto. José Ramón Gómez Besteiro afirmou que con cada elección somos máis demócratas e damos unha resposta máis contudente ós violentos. O titular provincial amosou o seu convencemento de que co voto masivo lles demostramos, unha vez máis, que con nós non van poder, e que a democracia vence todo tipo de dificultades, como foi o atentado de ETA e o asasinato do noso compañeiro. Pola súa banda, o Alcalde de Lugo dixo que os terroristas saben que non teñen nada que facer. Somos máis os demócratas e os que cremos na palabra e nos votos, e non nos tiros. José López Orozco amosou a nosa máis expresiva condolencia á familia de Isaías. Teñen que saber que o sangue de todos os que morren por culpa de ETA rega máis demócratas e máis persoas que queremos a paz, respetándonos os uns ós outros.