Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación participa na concentración de repulsa polo asasinato de Isaías Carrasco

Un cento de persoas gardan cinco minutos de silencio en memoria do ex concelleiro socialista de Mondragón

Políticos e cidadáns participaron na concentración de repulsa polo atentado de ETA que o pasado venres custaba a vida ó ex concelleiro socialista de Mondragón Isaías Carrasco. No acto participaron, entre outras autoridades, o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, o Vicepresidente Primeiro, Antón Bao, o Alcalde de Lugo, José López Orozco, o Subdelegado do Goberno, Jesús Otero, e o Conselleiro de Industria, Fernando Blanco. Un cento de persoas mantiveron cinco minutos de silencio nos soportais da Casa Consistorial de Lugo. Deste xeito quixeron amosar ó seu apoio á familia, ós amigos e ós compañeiros de Isaías Carrasco así coma a condena máis enérxica contra o terrorismo e o atentado do venres na localidade guipuzoana. A concentración finalizou con aplausos. Ó remate do acto, o Presidente da Deputación dixo que “estes soportais son unha metáfora do que é a democracia que nos mantén a cuberto”. José Ramón Gómez Besteiro afirmou que “con cada elección somos máis demócratas e damos unha resposta máis contudente ós violentos”. O titular provincial amosou o seu convencemento de que “co voto masivo lles demostramos, unha vez máis, que con nós non van poder, e que a democracia vence todo tipo de dificultades, como foi o atentado de ETA e o asasinato do noso compañeiro”. Pola súa banda, o Alcalde de Lugo dixo que os terroristas “saben que non teñen nada que facer. Somos máis os demócratas e os que cremos na palabra e nos votos, e non nos tiros”. José López Orozco amosou “a nosa máis expresiva condolencia á familia de Isaías. Teñen que saber que o sangue de todos os que morren por culpa de ETA rega máis demócratas e máis persoas que queremos a paz, respetándonos os uns ós outros”.