Deputación de Lugo

O Barco Muralla de Lugo recalará esta fin de semana en Paradela e o martes fondeará na Pobra de San Xiao

Imaxe deputación de lugo
A aula turística medioambiental da Deputación poderá visitarse este sábado e domingo no campo da feira de Paradela, coincidindo coa Feira de San Isidro LabradorNa capitalidade municipal de Láncara estará con motivo da feira mensual, tamén no campo da feira da vila. En ámbalas dúas localidades abrirá ó público en horario de 11:00 a 14:30 e de 16:30 a 19:00

O barco Muralla de Lugo da Deputación segue o seu percorrido polos concellos lucenses difundindo os recursos naturais de toda a provincia con dúas novas paradas: a fin de semana, no Concello de Paradela, e o martes, en Láncara. Deste xeito, na primeira localidade, a aula turística medioambiental poderá visitarse sábado e domingo no campo da feira, coincidindo coa celebración da Feira de San Isidro Labrador. Polo que respecta a Láncara, estará no campo da feira da capitalidade municipal, A Pobra de San Xiao, con motivo da feira que acolle cada mes a localidade. O horario será o mesmo nos dous municipios: de 11:00 a 14:30 e de 16:30 a 19:00.

A construción do Barco Muralla de Lugo forma parte do programa medioambiental Lug02, promovido pola Deputación e dotado de 5 millóns de euros, dos que a Unión Europea aporta o 70%. Foi construído por unha empresa de Burela e pintado en Viveiro. O seu interior conta con ordenadores, todo tipo de información medioambiental, así como mobiliario e material náutico. Nas localidades nas que recala distribúense dípticos das Reservas da Biosfera, material didáctico, información empresarial e de bolsas de estudos, ademais de vídeos da provincia elaborados polos alumnos da Fundación TIC, dependente do organismo provincial.

A posta en funcionamento desta embarcación compleméntase con tres aulas móbiles de interpretación da natureza, que tamén están a percorrer a provincia co fin de poñer en valor os recursos naturais e paisaxísticos dos municipios pertencentes ás tres Reservas da Biosfera da provincia (Terras do Miño, Os Ancares e Río Eo-Oscos-Terras de Burón) e a Serra do Courel. Para elo ofrecen diversas actividades divulgativas, como obradoiros, proxeccións de documentais e rutas, dirixidas a tódalas idades.

Neste mes de maio, a aula dedicada á Terra Cha estará na capital lucense o luns 16, e os días 23 e 30; en Muras, o martes 17; en Xermade, o 18; en Rábade, o 24; en Outeiro de Rei, o 25; en Begonte, o 26, e en Cospeito, o día 31.

O calendario da aula sobre a comarca da Montaña inclúe paradas en Folgoso do Courel o 23; en Becerreá, o 24; en Cervantes, o 25; en Barralla, o 26; en Navia de Suarna, o 27; no Páramo, o 28; no Corgo, o 29; en Castroverde e Castro de Rei, o 30, e nos concellos de Baleira e Negueira de Muñiz, o 31.

En canto á programación da aula da Mariña, para o luns 16 están previstas actividades en Ourol; o 17, en Alfoz; o 18, no Valadouro; o 19, en Abadín; o 23, na Pontenova; o 24, en Riotorto; o 25, en Trabada; o 30, en Ribadeo, e o 31, en Vilalba.