O Barco Muralla de Lugo recalará esta fin de semana en Paradela e o martes fondeará na Pobra de San Xiao
![Imaxe deputación de lugo](/sites/deputacionlugo.org/files/default_images/depulugo001.jpg)
O barco Muralla de Lugo da Deputación segue o seu percorrido polos concellos lucenses difundindo os recursos naturais de toda a provincia con dúas novas paradas: a fin de semana, no Concello de Paradela, e o martes, en Láncara. Deste xeito, na primeira localidade, a aula turística medioambiental poderá visitarse sábado e domingo no campo da feira, coincidindo coa celebración da Feira de San Isidro Labrador. Polo que respecta a Láncara, estará no campo da feira da capitalidade municipal, A Pobra de San Xiao, con motivo da feira que acolle cada mes a localidade. O horario será o mesmo nos dous municipios: de 11:00 a 14:30 e de 16:30 a 19:00.
A construción do Barco Muralla de Lugo forma parte do programa medioambiental Lug02, promovido pola Deputación e dotado de 5 millóns de euros, dos que a Unión Europea aporta o 70%. Foi construído por unha empresa de Burela e pintado en Viveiro. O seu interior conta con ordenadores, todo tipo de información medioambiental, así como mobiliario e material náutico. Nas localidades nas que recala distribúense dípticos das Reservas da Biosfera, material didáctico, información empresarial e de bolsas de estudos, ademais de vídeos da provincia elaborados polos alumnos da Fundación TIC, dependente do organismo provincial.
A posta en funcionamento desta embarcación compleméntase con tres aulas móbiles de interpretación da natureza, que tamén están a percorrer a provincia co fin de poñer en valor os recursos naturais e paisaxísticos dos municipios pertencentes ás tres Reservas da Biosfera da provincia (Terras do Miño, Os Ancares e Río Eo-Oscos-Terras de Burón) e a Serra do Courel. Para elo ofrecen diversas actividades divulgativas, como obradoiros, proxeccións de documentais e rutas, dirixidas a tódalas idades.
Neste mes de maio, a aula dedicada á Terra Cha estará na capital lucense o luns 16, e os días 23 e 30; en Muras, o martes 17; en Xermade, o 18; en Rábade, o 24; en Outeiro de Rei, o 25; en Begonte, o 26, e en Cospeito, o día 31.
O calendario da aula sobre a comarca da Montaña inclúe paradas en Folgoso do Courel o 23; en Becerreá, o 24; en Cervantes, o 25; en Barralla, o 26; en Navia de Suarna, o 27; no Páramo, o 28; no Corgo, o 29; en Castroverde e Castro de Rei, o 30, e nos concellos de Baleira e Negueira de Muñiz, o 31.
En canto á programación da aula da Mariña, para o luns 16 están previstas actividades en Ourol; o 17, en Alfoz; o 18, no Valadouro; o 19, en Abadín; o 23, na Pontenova; o 24, en Riotorto; o 25, en Trabada; o 30, en Ribadeo, e o 31, en Vilalba.