A Deputación contratou máis do 90% das obras do canon nos 15 Concellos afectados sen sentenza favorable
O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, avanzou este luns que nos vindeiros meses a Deputación liquidará a débeda do canon nos 15 Concellos con produción hidroeléctrica que non contan con sentenza favorable. Martínez subliñou que o canon era un dos nosos cabalos de batalla, un histórico deber desta institución non só en Chantada, senón en todos os Concellos afectados que, na súa maioría, goberna o Partido Popular. Por iso, facendo xustiza con este municipios e sen entender de discriminacións por cor política, este equipo de Goberno decidiu achegarlles 6 millóns de euros para obras acordadas cos Alcaldes e, polo tanto, demandas polos veciños, das que levamos contratadas máis do 90%, é dicir, un total de 96 actuacións por valor de 5, 5 millóns de euros.
O tamén Deputado de Xestión Territorial destacou que o organismo provincial saldou a débeda do canon en 9 deste municipios, concretamente en: O Saviñao (executáronse obras por valor 628.539 euros); Portomarín (317.471 euros); Guntín (242.558 euros); Carballedo (581.098 euros); Pantón (348.714 euros); Quiroga (508.826 euros); Pobra do Brollón (235.922 euros); A Fonsagrada e Negueira de Muñiz (932.141 euros). Deste xeito, xa con cargo ós remanentes do canon nalgúns Concellos, a Xunta de Goberno deste venres aprobou novas actuacións no municipio negueirense. Trátanse de melloras nas terrazas da edificación para vivendas comunitarias por valor de 11.744,95 euros.
Derradeiras obras
Ó respecto dos restantes municipio, en Taboada estase a tramitar a derradeira actuación por valor de 45.000 euros (neste Concello concluíronse os traballos dotados de case 493.288 euros); en Sober adxudicaranse nos vindeiros días as derradeiras obras de 84.000 euros (logo de rematar actuacións de 360.734 euros); o mesmo ocorre en Monforte onde xa se aprobou tamén o derradeiro traballo de 70.000 euros (tras finalizar obras por valor de 159.306 euros); en Paradela a institución está pendente de definir co Alcalde as últimas actuacións por valor de 130.000 euros (xa se executaron melloras de 265.590 euros); no Páramo tamén acordarán co Rexedor as derradeiras obras, dotadas de 80.000 euros (finalizaron as actuacións por valor de 140.984 euros); e, finalmente, en igual situación se atopa o Concello de Ribas do Sil, onde hai pendentes traballos por valor de 150.000 euros (mentres, estanse a finalizar a execución doutros, dotados de 306.474 euros, como, por exemplo, a mellora da Casa Consistorial).
Rigoroso reparto
Martínez lembrou que este rigoroso reparto dos fondos do canon estableceuse en base a un prestixioso traballo elaborado polo Laboratorio do Territorio do Departamento de Enxeñería Agroforestal da USC. Trátase dun recoñecido equipo de traballo encargado, dende hai anos, da redación da Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais da Deputación de Lugo. Neste estudo, empregáronse 9 indicadores: os 3 primeiros son os mesmos que se empregaron no informe pericial da sentenza de Chantada (superficie, poboación e potencia instalada) e os outros 6 atenden a criterios baseados en fontes oficiais como o INE ou nos datos da Deputación para outras accións como os cálculos do POS. Seguíronse criterios obxectivos, algo que non ocorre en todas as administracións e que debería tentar facer Feijóo logo de rematar o ano 2011 e non conceder nin un só euro para este tipo de actuacións ós Concellos onde non goberna o PP, sentenciou.
A canon de Chantada saldado
A institución luguesa xa saldou a histórica débeda do Canon no Concello de Chantada, o único municipio que contaba con sentenza favorable, investindo para elo 5 millóns de euros, que permitiron executar 26 diferentes actuacións, tales como a construción do auditorio municipal ou a remodelación das piscinas exteriores, entre outras.
Outros acordos
A Xunta de Goberno aprobou o cambio de titularidade de 1 das 26 fincas expropiadas entre a Avenida Pablo Iglesias e a Rúa das Pedreiras, que suman un total de 11.756 metros cadrados. É o espazo necesario que xa se rematou de adquirir para construír a Escola de Enxeñería Civil, proxecto que se adxudicará este mesmo mes, así como para crear un viveiro de empresas orientado á investigación empresarial. Son actuacións enmarcadas no proxecto de ampliación do Campus de Lugo no que a Deputación inviste case 7 millóns de euros.
Por outra banda, en cumprimento da Lei de Protección de datos, a sesión acordou crear un ficheiro sobre os futuros Participantes en accións de Promoción de Emprego en previsión das vindeiras iniciativas que impulsará a Deputación a este respecto.