Deputación de Lugo

A Deputación contratou máis do 90% das obras do canon nos 15 Concellos afectados sen sentenza favorable

Martínez avanzou que “facendo xustiza con estes municipios e sen discriminacións por cor política” adxudicáronse 96 actuacións de 5,5 millóns de euros que se acordaron cos AlcaldesXunto con Chantada, a institución tamén saldou esta débeda histórica con 9 municipios mentres tramita as derradeiras obras para facer o mesmo cos restantes 6 ConcellosO reparto de fondos definiuse cun “rigoroso estudo” de profesionais da USC no que se empregaron criterios como a superficie, a poboación ou a potencia instalada nos municipios

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, avanzou este luns que nos vindeiros meses a Deputación liquidará a débeda do canon nos 15 Concellos con produción hidroeléctrica que non contan con sentenza favorable. Martínez subliñou que “o canon era un dos nosos cabalos de batalla, un histórico deber desta institución non só en Chantada, senón en todos os Concellos afectados que, na súa maioría, goberna o Partido Popular. Por iso, facendo xustiza con este municipios e sen entender de discriminacións por cor política, este equipo de Goberno decidiu achegarlles 6 millóns de euros para obras acordadas cos Alcaldes e, polo tanto, demandas polos veciños, das que levamos contratadas máis do 90%, é dicir, un total de 96 actuacións por valor de 5, 5 millóns de euros”.

O tamén Deputado de Xestión Territorial destacou que o organismo provincial saldou a débeda do canon en 9 deste municipios, concretamente en: O Saviñao (executáronse obras por valor 628.539 euros); Portomarín (317.471 euros); Guntín (242.558 euros); Carballedo (581.098 euros); Pantón (348.714 euros); Quiroga (508.826 euros); Pobra do Brollón (235.922 euros); A Fonsagrada e Negueira de Muñiz (932.141 euros). Deste xeito, xa con cargo ós remanentes do canon nalgúns Concellos, a Xunta de Goberno deste venres aprobou novas actuacións no municipio negueirense. Trátanse de melloras nas terrazas da edificación para vivendas comunitarias por valor de 11.744,95 euros.

Derradeiras obras

Ó respecto dos restantes municipio, en Taboada estase a tramitar a derradeira actuación por valor de 45.000 euros (neste Concello concluíronse os traballos dotados de case 493.288 euros); en Sober adxudicaranse nos vindeiros días as derradeiras obras de 84.000 euros (logo de rematar actuacións de 360.734 euros); o mesmo ocorre en Monforte onde xa se aprobou tamén o derradeiro traballo de 70.000 euros (tras finalizar obras por valor de 159.306 euros); en Paradela a institución está pendente de definir co Alcalde as últimas actuacións por valor de 130.000 euros (xa se executaron melloras de 265.590 euros); no Páramo tamén acordarán co Rexedor as derradeiras obras, dotadas de 80.000 euros (finalizaron as actuacións por valor de 140.984 euros); e, finalmente, en igual situación se atopa o Concello de Ribas do Sil, onde hai pendentes traballos por valor de 150.000 euros (mentres, estanse a finalizar a execución doutros, dotados de 306.474 euros, como, por exemplo, a mellora da Casa Consistorial).

“Rigoroso reparto”

Martínez lembrou que este “rigoroso reparto” dos fondos do canon estableceuse en base a un prestixioso traballo elaborado polo Laboratorio do Territorio do Departamento de Enxeñería Agroforestal da USC. Trátase dun recoñecido equipo de traballo encargado, dende hai anos, da redación da Enquisa de Infraestruturas e Equipamentos Locais da Deputación de Lugo. Neste estudo, empregáronse 9 indicadores: os 3 primeiros son os mesmos que se empregaron no informe pericial da sentenza de Chantada (superficie, poboación e potencia instalada) e os outros 6 atenden a criterios baseados en fontes oficiais como o INE ou nos datos da Deputación para outras accións como os cálculos do POS. “Seguíronse criterios obxectivos, algo que non ocorre en todas as administracións e que debería tentar facer Feijóo logo de rematar o ano 2011 e non conceder nin un só euro para este tipo de actuacións ós Concellos onde non goberna o PP”, sentenciou.

A canon de Chantada saldado

A institución luguesa xa saldou a histórica débeda do Canon no Concello de Chantada, o único municipio que contaba con sentenza favorable, investindo para elo 5 millóns de euros, que permitiron executar 26 diferentes actuacións, tales como a construción do auditorio municipal ou a remodelación das piscinas exteriores, entre outras.

Outros acordos

A Xunta de Goberno aprobou o cambio de titularidade de 1 das 26 fincas expropiadas entre a Avenida Pablo Iglesias e a Rúa das Pedreiras, que suman un total de 11.756 metros cadrados. É o espazo necesario que xa se rematou de adquirir para construír a Escola de Enxeñería Civil, proxecto que se adxudicará este mesmo mes, así como para crear un viveiro de empresas orientado á investigación empresarial. Son actuacións enmarcadas no proxecto de ampliación do Campus de Lugo no que a Deputación inviste case 7 millóns de euros.

Por outra banda, en cumprimento da Lei de Protección de datos, a sesión acordou crear un ficheiro sobre os futuros “Participantes en accións de Promoción de Emprego” en previsión das vindeiras iniciativas que impulsará a Deputación a este respecto.