Deputación de Lugo

30 persoas aprenden dende hoxe técnicas de anoado, confección de alfombras e cestaría co CENTRAD

Son os participantes dos primeiros cursos para a primavera que puxo en marcha hoxe a Deputación nas instalacións do Centro de Artesanía e Deseño, emprazadas na capital luguesaEn Mondoñedo, mañá arrincará a xornada de oleira que a institución leva ó taller dunha profesional luguesa do sector, descentralizando a súa programación artesanal En total, o organismo provincial organiza esta tempada 7 accións formativas nas que máis de 60 persoas xa cobran as prazas dispoñibles

A Deputación puxo en marcha hoxe os primeiros 3 cursos do Centro de Artesanía e Deseño para esta primavera. Son as xornadas de “Iniciación á cestaría”, “Tecer con nós. Macramé” e “Confección de alfombras en teares de baixo lizo”, nas que 30 persoas cobren a cota de prazas dispoñibles. As accións formativas, que se imparten nos pavillóns do CENTRAD emprazados na capital luguesa, prolongarán ata o 27 de abril.

Técnicas de anoado. Isto é o que están a aprender a decena de participantes no obradoiro sobre macramé, dende as 9:30 ás 13:30 horas e de luns a venres. Tamén durante a semana, aínda que ás tardes, concretamente de 16:00 a 20:00 horas, outras 10 persoas coñecen o manexo dun tear de 8 pedais para a confección de alfombras. Mentres, dende as 16:30 ás 19:30 horas, o mesmo número de participantes que nos casos anteriores empregan sinxelas técnicas de cestaría no curso de inciación deste traballo tradicional.

Mondoñedo será a partires de mañá escenario dunha nova xornada, enmarcada na programación para a primavera. Trátase dun obradoiro de oleiría, que se impartirá no taller de María Jesús López Lage, situado no Barrio dos Muiños de dita localidade mariñana. Forma parte dos cursos que a Deputación descentraliza das súas instalacións, levándoos a outros puntos da provincia cun dobre obxectivo: potenciar o labor dos profesionais do sector, dando conta do seu traballo, así como facilitar a participación nas accións formativas do CENTRAD a veciños de todos os Concellos. Neste caso, son 7 os seus participantes, o máximo permitido.

Durante esta tempada, a institución luguesa celebrará outros 3 obradoiros para as que tamén xa están cubertas as súas 25 prazas. Estes son “Fabricación de pezas. Torques”, “Encaixe de palillos” e “ Iniciación á cestaría de vimbio”. Isto supón que, a Deputación organiza na primavera un total de 7 cursos para 62 persoas.