30 persoas aprenden dende hoxe técnicas de anoado, confección de alfombras e cestaría co CENTRAD
A Deputación puxo en marcha hoxe os primeiros 3 cursos do Centro de Artesanía e Deseño para esta primavera. Son as xornadas de Iniciación á cestaría, Tecer con nós. Macramé e Confección de alfombras en teares de baixo lizo, nas que 30 persoas cobren a cota de prazas dispoñibles. As accións formativas, que se imparten nos pavillóns do CENTRAD emprazados na capital luguesa, prolongarán ata o 27 de abril.
Técnicas de anoado. Isto é o que están a aprender a decena de participantes no obradoiro sobre macramé, dende as 9:30 ás 13:30 horas e de luns a venres. Tamén durante a semana, aínda que ás tardes, concretamente de 16:00 a 20:00 horas, outras 10 persoas coñecen o manexo dun tear de 8 pedais para a confección de alfombras. Mentres, dende as 16:30 ás 19:30 horas, o mesmo número de participantes que nos casos anteriores empregan sinxelas técnicas de cestaría no curso de inciación deste traballo tradicional.
Mondoñedo será a partires de mañá escenario dunha nova xornada, enmarcada na programación para a primavera. Trátase dun obradoiro de oleiría, que se impartirá no taller de María Jesús López Lage, situado no Barrio dos Muiños de dita localidade mariñana. Forma parte dos cursos que a Deputación descentraliza das súas instalacións, levándoos a outros puntos da provincia cun dobre obxectivo: potenciar o labor dos profesionais do sector, dando conta do seu traballo, así como facilitar a participación nas accións formativas do CENTRAD a veciños de todos os Concellos. Neste caso, son 7 os seus participantes, o máximo permitido.
Durante esta tempada, a institución luguesa celebrará outros 3 obradoiros para as que tamén xa están cubertas as súas 25 prazas. Estes son Fabricación de pezas. Torques, Encaixe de palillos e Iniciación á cestaría de vimbio. Isto supón que, a Deputación organiza na primavera un total de 7 cursos para 62 persoas.