Deputación de Lugo

Besteiro reivindica 'a volta do Estado sobre o mercado e a recuperación dunha Europa unida e fortemente social'

“Aproveitando que mañá se celebra o Día de Europa, temos que apostar firmemente porque volva a ser posible unha única Europa e non dúas, como estamos vendo agora”, subliñou o Presidente antes de participar na conferencia que Ignacio Ramonet deu no Campus

O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou este mércores, con motivo da celebración do Día de Europa que terá lugar mañá, “a volta do Estado, que os mercados non estean por riba do Estado, senón o Estado por riba dos mercados, que é o que está pedindo reiteradamente a xente. Para iso, temos que pedir, e traballar por unha nova Europa; unha Europa unida, única e unha Europa fortemente social, como tamén están pedindo os cidadáns europeos”.

Gómez Besteiro fixo estas declaracións previamente á súa participación na conferencia que o director de Le Monde Diplomatique, Ignacio Ramonet, ofreceu esta mañá na Facultade de Humanidades de Lugo, no marco do IX Curso de Primavera da Universidade de Santiago, que analiza a crise actual do mundo occidental, e as súas posibles causas e consecuencias. O Presidente destacou “o compromiso” de Ramonet, que tamén reivindica a recuperación do Estado, subliñando que “hai un xeito distinto de facelas cousas”.

Neste senso, incidiu na necesidade de “apostar firmemente e traballar con ilusión dende a política para que volva a ser posible esa Europa que todos coñeciamos, esa Europa social, de converxencia e unidade, unha única Europa e non dúas, como estamos vendo agora”.