Besteiro reivindica 'a volta do Estado sobre o mercado e a recuperación dunha Europa unida e fortemente social'
O Presidente da Deputación de Lugo, José Ramón Gómez Besteiro, reivindicou este mércores, con motivo da celebración do Día de Europa que terá lugar mañá, a volta do Estado, que os mercados non estean por riba do Estado, senón o Estado por riba dos mercados, que é o que está pedindo reiteradamente a xente. Para iso, temos que pedir, e traballar por unha nova Europa; unha Europa unida, única e unha Europa fortemente social, como tamén están pedindo os cidadáns europeos.
Gómez Besteiro fixo estas declaracións previamente á súa participación na conferencia que o director de Le Monde Diplomatique, Ignacio Ramonet, ofreceu esta mañá na Facultade de Humanidades de Lugo, no marco do IX Curso de Primavera da Universidade de Santiago, que analiza a crise actual do mundo occidental, e as súas posibles causas e consecuencias. O Presidente destacou o compromiso de Ramonet, que tamén reivindica a recuperación do Estado, subliñando que hai un xeito distinto de facelas cousas.
Neste senso, incidiu na necesidade de apostar firmemente e traballar con ilusión dende a política para que volva a ser posible esa Europa que todos coñeciamos, esa Europa social, de converxencia e unidade, unha única Europa e non dúas, como estamos vendo agora.