A Deputación de Lugo ofrece á de Ourense sumarse á iniciativa do autobús promocional de candidatura da Ribeira Sacra
A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, anunciou que a Deputación de Lugo ofreceu á de Ourense a posibilidade de sumarse á iniciativa de apoio popular á candidatura da Ribeira Sacra, un autobús promocional de recollida de sinaturas, posta en marcha polo organismo lugués o pasado 8 de outubro. Fíxoo na xuntanza mantida hoxe pola Comisión de Seguimento do Convenio para o impulso da candidatura da Ribeira Sacra, celebrada no Concello de Nogueira de Ramuín, e na que tamén estiveron presentes representantes do Consorcio Turístico da Ribeira Sacra; o representante da Deputación de Ourense, José Manuel Rodríguez González; o delegado da Xunta nesa provincia, Rogelio Martínez; a representante do Valedor do Pobo, Beatriz González Moreno; os Alcaldes de Nogueira de Ramuín, César Parente; Sober, Luis Fernández Guitián; o Concelleiro de Parada de Sil, Ángel Manuel Rodríguez, e o Presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez.
Méndez subliñou que este ofrecemento do organismo lugués responde á intención dos seus responsables de que este proceso sexa un compromiso compartido a todos os niveis por todos os implicados, tal e como defendimos sempre, polo que como é lóxico, o autobús cambiaría a súa rotulación para que a partires de agora estean representadas as dúas provincias, engadiu.
A Vicepresidenta lembrou que o convenio asinado en decembro polas Deputacións de Lugo e Ourense e o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra deixa patente o convencemento de que este é un reto colectivo no que ninguén é máis que outro, e que o éxito pasa pola unidade e a suma de esforzos
Exitosa campaña
A Deputación de Lugo deu un paso máis para que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade iniciando, o 8 de outubro do pasado ano, unha campaña de recollida de sinaturas para sumar apoios á candidatura oficial. O Presidente da Deputación, quen presentou oficialmente esta campaña, lembrou outras realizadas para conseguir a declaración doutros bens galegos como a Muralla de Lugo, a cidade histórica de Santiago de Compostela, o Camiño de Santiago ou a Torre de Hércules, destacou que a implicación da cidadanía foi fundamental para que o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, encargado de presentar a proposta ante a UNESCO, se decidira a favor das candidaturas presentadas.
A campaña itinerante partiu da capital da provincia, onde aproveitou a afluencia de visitantes polas festas de San Froilán, para percorrer logo os 13 Concellos lugueses da Ribeira Sacra recollendo sinaturas nun libro oficial da UNESCO, e ofrecendo información e material promocional da zona.
A exitosa recollida de máis de 6.000 sinaturas en apenas 3 meses, é unha razón de peso para animar á Deputación ourensá a poñer en marcha unha ruta similar pola provincia de Ourense, ó tempo que instou a que, como no caso lucense, os responsables provinciais e todos os Alcaldes fagan o posible por deixar claro á UNESCO que esta candidatura ten un destacado apoio popular, animando á cidadanía a asinar no libro oficial
A Vicepresidenta fixo tamén un chamamento ó goberno presidido por Baltar para recabar o máximo apoio e colaboración de entidades e institucións ourensás, facilitando e favorecendo a adhesión ó convenio. A Deputación de Lugo xa convidou pola súa banda ós 67 Concellos lugueses e a centos de colectivos da provincia, ós que enviou o modelo de adhesión ó convenio a finais do pasado ano, ó tempo que o publicaba na súa web, www.deputacionlugo.org, para que todos os interesados poidan adherirse en calquera momento.