Deputación de Lugo

A Deputación de Lugo ofrece á de Ourense sumarse á iniciativa do autobús promocional de candidatura da Ribeira Sacra

Lara Méndez destacou que a institución luguesa reafirma así o seu compromiso de que o apoio á candidatura sexa “compartido a todos os niveis por todos os implicados” A Vicepresidenta Segunda participou na xuntanza que os membros da Comisión de Seguemento do Convenio da Ribeira Sacra mantiveron esta mañá en Nogueira de RamuínA exitosa recollida de máis de 6.000 sinaturas en apenas 3 meses, “é unha razón de peso para animar á Deputación de Ourense a poñer en marcha unha ruta similar pola súa provincia”

A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, anunciou que a Deputación de Lugo ofreceu á de Ourense a posibilidade de sumarse á iniciativa de apoio popular á candidatura da Ribeira Sacra, un autobús promocional de recollida de sinaturas, posta en marcha polo organismo lugués o pasado 8 de outubro. Fíxoo na xuntanza mantida hoxe pola Comisión de Seguimento do Convenio para o impulso da candidatura da Ribeira Sacra, celebrada no Concello de Nogueira de Ramuín, e na que tamén estiveron presentes representantes do Consorcio Turístico da Ribeira Sacra; o representante da Deputación de Ourense, José Manuel Rodríguez González; o delegado da Xunta nesa provincia, Rogelio Martínez; a representante do Valedor do Pobo, Beatriz González Moreno; os Alcaldes de Nogueira de Ramuín, César Parente; Sober, Luis Fernández Guitián; o Concelleiro de Parada de Sil, Ángel Manuel Rodríguez, e o Presidente do Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra, José Manuel Rodríguez.

Méndez subliñou que este ofrecemento do organismo lugués responde á intención dos seus responsables de que “este proceso sexa un compromiso compartido a todos os niveis por todos os implicados, tal e como defendimos sempre”, polo que “como é lóxico, o autobús cambiaría a súa rotulación para que a partires de agora estean representadas as dúas provincias”, engadiu.

A Vicepresidenta lembrou que o convenio asinado en decembro polas Deputacións de Lugo e Ourense e o Consorcio de Turismo da Ribeira Sacra “deixa patente o convencemento de que este é un reto colectivo no que ninguén é máis que outro, e que o éxito pasa pola unidade e a suma de esforzos”

Exitosa campaña

A Deputación de Lugo deu un paso máis para que a Ribeira Sacra sexa declarada Patrimonio da Humanidade iniciando, o 8 de outubro do pasado ano, unha campaña de recollida de sinaturas para sumar apoios á candidatura oficial. O Presidente da Deputación, quen presentou oficialmente esta campaña, lembrou outras realizadas para conseguir a declaración doutros bens galegos como a Muralla de Lugo, a cidade histórica de Santiago de Compostela, o Camiño de Santiago ou a Torre de Hércules, destacou que a implicación da cidadanía foi fundamental para que o Ministerio de Educación, Cultura e Deporte, encargado de presentar a proposta ante a UNESCO, se decidira a favor das candidaturas presentadas.

A campaña itinerante partiu da capital da provincia, onde aproveitou a afluencia de visitantes polas festas de San Froilán, para percorrer logo os 13 Concellos lugueses da Ribeira Sacra recollendo sinaturas nun libro oficial da UNESCO, e ofrecendo información e material promocional da zona.

A exitosa recollida de máis de 6.000 sinaturas en apenas 3 meses, “é unha razón de peso para animar á Deputación ourensá a poñer en marcha unha ruta similar pola provincia de Ourense”, ó tempo que instou a que, como no caso lucense, os responsables provinciais e todos os Alcaldes “fagan o posible por deixar claro á UNESCO que esta candidatura ten un destacado apoio popular, animando á cidadanía a asinar no libro oficial”

A Vicepresidenta fixo tamén un chamamento ó goberno presidido por Baltar para “recabar o máximo apoio e colaboración de entidades e institucións ourensás, facilitando e favorecendo a adhesión ó convenio”. A Deputación de Lugo xa convidou pola súa banda ós 67 Concellos lugueses e a centos de colectivos da provincia, ós que enviou o modelo de adhesión ó convenio a finais do pasado ano, ó tempo que o publicaba na súa web, www.deputacionlugo.org, para que todos os interesados poidan adherirse en calquera momento.