Deputación de Lugo

Arturo Vaquero explicou na Deputación como crear unha paisaxe sonora

O músico lucense Arturo Vaquero explicou este xoves na Deputación o proceso de gravación e mestura do CD “Sons das Terras do Miño”. Este material divulgativo da Reserva da Biosfera foi realizado polos alumnos do Máster en Dirección de Actividades Educativas na Natureza da USC, co que colabora o organismo provincial. O acto foi presentado pola Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, e contou coa asistencia dos alumnos do Máster e máis dos rapaces da Escola de Imaxe e Son de Lugo, do que é patrón Arturo Vaquero.

Arturo Vaquero explicou o concepto de paisaxe sonora e comentou como se xerou a idea de gravación deste CD, así como o proceso de selección de lugares e datas de captación de sons e a súa mestura ata obter o resultado final.

O CD inclúe sons identificativos de toda a provincia que, tras ser editados, son convertidos en música electroacústica que conforman as paisaxes sonoras. Así, podemos atopar neste traballo os sons das badaladas da Catedral da capital lucense; os grilos do estío; as fervenzas do Miño; o vento no Páramo; sons nunha granxa de Friol; a Lagoa de Cospeito ou do belén mecánico de Begonte.

A Deputación repartirá o CD “Sons Terras do Miño” polos centros educativos de toda a provincia para que poidan empregar este material divulgativo na organización de actividades centradas no medio ambiente.