Os nenos da Fonsagrada aprenden os segredos da súa cultura tradicional cos cursos organizados polo Centrad
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado pola Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, e o Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, fixo entrega dos diplomas acreditativos a máis unha vintena de nenos do Concello da Fonsagrada, que participaron en dous cursos organizados pola Deputación de Lugo a través do Centrad. En concreto, trátase dos cursos Construción de trompa de boca ou birimbao e Interpretación de trompa, que se celebraron, o segundo, no Concello da Fonsagrada.
Gómez Besteiro destacou o feito de que este tipo de accións formativas estiveran destinadas ós nenos xa que como depositarios últimos do saber tradicional, serán eles os responsables de materializar no futuro a nosa aposta pola recuperación e posta en valor dos oficios tradicionais, como o dos ferreiros que construían en tempos os birimbaos.
Os cursos que realizaron estes vinte nenos naceron a raíz do 3ª Encontro de Ferreiros da Fonsagrada, celebrado o pasado ano, e a petición do propio Concello. Así, estes nenos puideron tomar parte en dúas accións formativas, unha de construción e outra de interpretación de instrumentos musicais tradicionais, en concreto a trompa ou birimbao, típico da Montaña luguesa. Ambos cursos foron organizados a través do Centro de Artesanía e Deseño: o primeiro deles, o de construción, celebrouse entre o 27 de setembro ata o 21 de decembro de 2013 e o de intepretación, e entre o 11 de xaneiro e o 31 de maio pasado.
Logo de recibir candaseus diplomas, os 20 nenos participantes, que acudiron acompañados por outros tantos compañeiros, interpretaron algunhas pezas cos instrumentos fabricados por eles mesmos.