Deputación de Lugo

Os nenos da Fonsagrada aprenden os segredos da súa cultura tradicional cos cursos organizados polo Centrad

Gómez Besteiro entregou hoxe dos diplomas acreditativos ós rapaces participantes en dúas accións formativas de construción e interpretación de instrumentos musicais celebradas neste Concello da Montaña entre o 27 de setembro de 2013 e o pasado 31 de maio

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, acompañado pola Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, e o Alcalde da Fonsagrada, Argelio Fernández Queipo, fixo entrega dos diplomas acreditativos a máis unha vintena de nenos do Concello da Fonsagrada, que participaron en dous cursos organizados pola Deputación de Lugo a través do Centrad. En concreto, trátase dos cursos Construción de trompa de boca ou birimbao e Interpretación de trompa, que se celebraron, o segundo, no Concello da Fonsagrada.

Gómez Besteiro destacou o feito de que este tipo de accións formativas estiveran destinadas ós nenos xa que “como depositarios últimos do saber tradicional, serán eles os responsables de materializar no futuro a nosa aposta pola recuperación e posta en valor dos oficios tradicionais, como o dos ferreiros que construían en tempos os birimbaos”.

Os cursos que realizaron estes vinte nenos naceron a raíz do 3ª Encontro de Ferreiros da Fonsagrada, celebrado o pasado ano, e a petición do propio Concello. Así, estes nenos puideron tomar parte en dúas accións formativas, unha de construción e outra de interpretación de instrumentos musicais tradicionais, en concreto a trompa ou birimbao, típico da Montaña luguesa. Ambos cursos foron organizados a través do Centro de Artesanía e Deseño: o primeiro deles, o de construción,  celebrouse entre o 27 de setembro ata o 21 de decembro de 2013 e o de intepretación, e entre o 11 de xaneiro e o 31 de maio pasado.

Logo de recibir candaseus diplomas, os 20 nenos participantes, que acudiron acompañados por outros tantos compañeiros, interpretaron algunhas pezas cos instrumentos fabricados por eles mesmos.