Deputación de Lugo

O Barco Muralla chega a Monforte logo de recibir 4.000 visitas nun mes

- A aula lúdico-medioambiental da Deputación estará esta fin de semana en Monforte de Lemos, onde se agarda a visita de milleiros de persoas ó coincidir coas festas patronais da localidade- A cidade do Cabe será a quinta parada do Barco nesta nova tempada, que continuará coa súa ruta por máis de 70 localidades e numerosos centros escolares de toda a provincia- O Barco Muralla ofrece material informativo sobre a riqueza medioambiental da provincia; produtos autóctonos de calidade para a súa degustación e tamén viaxan nel os libros oficiais da UNESCO para asinar en apoio á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade.

O Barco Muralla da Deputación permanecerá esta fin de semana, 16 e 17 de agosto, en Monforte de Lemos, en concreto diante da Compañía, que será a quinta parada desta aula lúdico-medioambiental tras as realizadas nos Concellos do Incio, Guitiriz, Burela e Foz dende a súa posta en marcha, a mediados do pasado mes de xullo, recibindo xa a visita de 4.000 persoas. É de agardar que tamén en Monforte reciba milleiros de visitantes, xa que a súa estancia coincidirá coa celebración das festas patronais da cidade do Cabe, que adoitan ser multitudinarias.

Así, a aula turístico medioambiental, financiada nun 80% con fondos europeos a través do programa Lug02, xa aproveitou en datas pasadas diferentes celebracións, como a Festa do Bonito e PRODUART en Burela ou o San Lourenzo en Foz, permitindo que centos de veciños e visitantes que se achegaron a estes Concellos con motivo das citas festivas tiveron a oportunidade de participar nas actividades desta iniciativa da Deputación.

Tras a súa estancia en Monforte, o Barco partirá cara outros destinos por toda a provincia: ata 70 localidades recibirán a visita da aula. Ademais, en resposta ás numerosas peticións por parte de asociacións de nais e pais e outros membros da comunidade educativa, a Deputación volverá a achegar o Barco ata centros educativos de todo Lugo. Colexios de Outeiro de Rei, A Pontenova e Friol serán algúns dos primeiros en acollelo.

Apoio á Ribeira Sacra
O Barco Muralla ofrece ós seus visitantes material informativo acerca da riqueza medioambiental da provincia: as Reservas da Biosfera; a Mariña; a Montaña, etc., así como  produtos autóctonos de calidade para a súa degustación. Tamén viaxan a bordo do Barco os libros oficiais da UNESCO, nos que todos os que o desexen poderán deixar a súa sinatura en apoio á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade.

Lugo conta con tesouros naturais únicos que o organismo provincial quere promover dentro e fóra do seu territorio. É a maior das catro provincias galegas, ten montes, vales, canóns, depresións e costas. Na actualidade, están recoñecidas tres Reservas da Biosfera que ocupan máis do 59% da súa superficie, ten 71 praias, moitas delas distinguidas con bandeira azul, e 100 quilómetros de litoral, ademais de contar cun humidal de importancia internacional.