O Barco Muralla chega a Monforte logo de recibir 4.000 visitas nun mes
![](/sites/deputacionlugo.org/files/Imagenes/0_10507_1.jpg)
O Barco Muralla da Deputación permanecerá esta fin de semana, 16 e 17 de agosto, en Monforte de Lemos, en concreto diante da Compañía, que será a quinta parada desta aula lúdico-medioambiental tras as realizadas nos Concellos do Incio, Guitiriz, Burela e Foz dende a súa posta en marcha, a mediados do pasado mes de xullo, recibindo xa a visita de 4.000 persoas. É de agardar que tamén en Monforte reciba milleiros de visitantes, xa que a súa estancia coincidirá coa celebración das festas patronais da cidade do Cabe, que adoitan ser multitudinarias.
Así, a aula turístico medioambiental, financiada nun 80% con fondos europeos a través do programa Lug02, xa aproveitou en datas pasadas diferentes celebracións, como a Festa do Bonito e PRODUART en Burela ou o San Lourenzo en Foz, permitindo que centos de veciños e visitantes que se achegaron a estes Concellos con motivo das citas festivas tiveron a oportunidade de participar nas actividades desta iniciativa da Deputación.
Tras a súa estancia en Monforte, o Barco partirá cara outros destinos por toda a provincia: ata 70 localidades recibirán a visita da aula. Ademais, en resposta ás numerosas peticións por parte de asociacións de nais e pais e outros membros da comunidade educativa, a Deputación volverá a achegar o Barco ata centros educativos de todo Lugo. Colexios de Outeiro de Rei, A Pontenova e Friol serán algúns dos primeiros en acollelo.
Apoio á Ribeira Sacra
O Barco Muralla ofrece ós seus visitantes material informativo acerca da riqueza medioambiental da provincia: as Reservas da Biosfera; a Mariña; a Montaña, etc., así como produtos autóctonos de calidade para a súa degustación. Tamén viaxan a bordo do Barco os libros oficiais da UNESCO, nos que todos os que o desexen poderán deixar a súa sinatura en apoio á candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade.