Burela servirá 3.000 quilos de bonito nas súas diferentes preparacións os días 5 e 6 de agosto
![](/sites/deputacionlugo.org/files/Imagenes/0_14167_1.jpg)
O Presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, o Alcalde de Burela, Alfredo Llano García, e a Presidenta da Sociedade Cultural e Recreativa Ledicia, Rocío Rivera, presentaron este venres nos xardíns da institución a XXXII Feira do Bonito de Burela, que terá lugar os días 5 e 6 de agosto. O organismo provincial colabora con esta cita, recoñecida como Festa Galega de Interese Turístico, cunha achega de 8.000 euros. Faino dentro da súa aposta polo impulso do sector pesqueiro e dos produtos do mar para xerar riqueza na provincia luguesa.
Campos Conde destacou que esta cita é unha oportunidade económica única para a provincia, pois impulsa un sector punteiro como a pesca, que é capaz de dar emprego a 2.000 familias lucenses e xerar un volume de negocio de máis de 125 millóns de euros; ao tempo que promociona os nosos produtos do mar, que son de referencia no conxunto do país, así como a riqueza da Mariña en xeral, nunha época, como o verán, na que son milleiras as persoas que nos visitan.
Xunto a Viveiro co porto de Celeiro, Burela é o Concello lugués pesqueiro por excelencia. Este sector representa preto do 30% da economía municipal. Só atendendo ás capturas de bonito no porto burelés, estas superaron as 1.600 toneladas o ano pasado, conseguindo un volume de negocio de 6,7 millóns. As cifras falan por si mesmas. Temos que pór en valor a riqueza da nosa provincia con iniciativas coma esta para impulsar a económica e o emprego, subliñou.
33 anos de historia
Esta cita, organizada por Ledicia, celébrase dende o ano 1983 de xeito continuado e pouco a pouco foi tomando entidade ata ser recoñecida Festa Galega de Interese Turístico no 1999.
Facendo honra da súa condición de porto líder en bonito do Norte, os veciños de Burela e os miles de visitantes que recibe este concello no verán desfrutarán desta xornada gastronómica en torno ao seu famoso pescado, do que prepararán preto de 3.000 kilogramos.
A degustación amenizada pola música das gaitas terá lugar nunha carpa instalada no peirao onde as racións de bonito presentaranse de moitas maneiras: en empanada, cocido, asado a grella, etc.
Nos últimos anos, a Feira do Bonito vén obtendo unha afluencia de público de arredor de 10.000 persoas o que repercute na economía e no turismo de toda a Mariña lucense.
Programación da Feira
Venres 5 de agosto
16:00 horas - Programa da tarde da Radio Galega, en directo dende Burela
23:00 horas - Musical ABBA. Na explanada do porto. Organizado dende a delegación de cultura do concello de Burela.
Sábado 6 de agosto
12:00 horas II Descenso de carrilanas Bonito vai, bonito ven. Na Rúa Eijo Garay
Premios: Á mais mona Á mais bonita Á mais mariñeira. Haberá un aperitivo musical a cargo de DJ CHENTE
13:30 horas Recepción de autoridades e convidados no barco museo Reina del Carmen e recoñecemento do Galardón bandeira azul do barco-museo
- Presentación da Feira do Bonito
Nomeamento de asador maior a Servando García Ben
Nomeamento de colaboradora de honra a Salomé Gómez Fernández
- Entrega de premios do concurso de carteis
Categoría A (programa de man) : Lucía Cancelos Rebolo
Categoría B (cartel) :Asociación A Mariña CRLP de Ribadeo
14:30 horas Pregón
Comezo da degustación: Bonito asado a grella, empanada, bonito cocido e pan por oito euros. Serviranse racións sen glute para as persoas celíacas
18:00 horas Obradoiro de cociña sen glute. Xogos e actividades infantís
22:30 horas Presentación do festival Osa do Mar 2016
23:30 horas Concertos dos grupos: Best Boy, Sexy Zebras, Astarot. A fin de festa correrá a cargo do DJ CHENTE
Produart
Paralelamente á festa gastronómica, nos últimos anos ten lugar na nave de redes de Burela a mostra de Produart, organizada pola Fundación Expomar, de produtos ecolóxicos e artesáns. Este ano é a súa decimo cuarta edición, na que se celebrarán mesas redondas, proxeccións e exposicións sobre temas medioambientais e ecolóxicos.