Deputación de Lugo

Burela servirá 3.000 quilos de bonito nas súas diferentes preparacións os días 5 e 6 de agosto

- O Presidente da Deputación, o Alcalde de Burela e a Presidente de Ledicia presentaron este venres a XXXII Feira do Bonito, recoñecida como Festa Galega de Interese Turístico - O organismo provincial colabora con esta cita cunha achega de 8.000 euros dentro da súa aposta polo impulso da pesca e dos produtos do mar para xerar riqueza na provincia - Campos Conde subliñou que “a pesca representa preto do 30% da economía de Burela. O ano pasado, as capturas de bonito superaron as 1.600 toneladas e os 6,7 millóns. Temos que pór en valor a riqueza da provincia para potenciar a económica e o emprego”

O Presidente da Deputación de Lugo, Darío Campos Conde, o Alcalde de Burela, Alfredo Llano García, e a Presidenta da Sociedade Cultural e Recreativa Ledicia, Rocío Rivera, presentaron este venres nos xardíns da institución a XXXII Feira do Bonito de Burela, que terá lugar os días 5 e 6 de agosto. O organismo provincial colabora con esta cita, recoñecida como Festa Galega de Interese Turístico, cunha achega de 8.000 euros. Faino dentro da súa aposta polo impulso do sector pesqueiro e dos produtos do mar para xerar riqueza na provincia luguesa.

Campos Conde destacou que “esta cita é unha oportunidade económica única para a provincia, pois impulsa un sector punteiro como a pesca, que é capaz de dar emprego a 2.000 familias lucenses e xerar un volume de negocio de máis de 125 millóns de euros; ao tempo que promociona os nosos produtos do mar, que son de referencia no conxunto do país, así como a riqueza da Mariña en xeral, nunha época, como o verán, na que son milleiras as persoas que nos visitan”.

“Xunto a Viveiro co porto de Celeiro, Burela é o Concello lugués pesqueiro por excelencia. Este sector representa preto do 30% da economía municipal. Só atendendo ás capturas de bonito no porto burelés, estas superaron as 1.600 toneladas o ano pasado, conseguindo un volume de negocio de 6,7 millóns. As cifras falan por si mesmas. Temos que pór en valor a riqueza da nosa provincia con iniciativas coma esta para impulsar a económica e o emprego”, subliñou.

33 anos de historia
Esta cita, organizada por Ledicia, celébrase dende o ano 1983 de xeito continuado e pouco a pouco foi tomando entidade ata ser recoñecida Festa Galega de Interese Turístico no 1999.

Facendo honra da súa condición de porto líder en bonito do Norte, os veciños de Burela e os miles de visitantes que recibe este concello no verán desfrutarán desta xornada gastronómica en torno ao seu famoso pescado, do que prepararán preto de 3.000 kilogramos.

A degustación amenizada pola música das gaitas terá lugar nunha carpa instalada no peirao onde as racións de bonito presentaranse de moitas maneiras: en empanada, cocido, asado a grella, etc.

Nos últimos anos, a Feira do Bonito vén obtendo unha afluencia de público de arredor de 10.000 persoas o que repercute na economía e no turismo de toda a Mariña lucense.

Programación da Feira
Venres 5 de agosto
16:00 horas - Programa da tarde da Radio Galega, en directo dende Burela
23:00 horas - Musical ABBA. Na explanada do porto. Organizado dende a delegación de cultura do concello de Burela. 
Sábado 6 de agosto
12:00 horas – II Descenso de carrilanas “Bonito vai, bonito ven”. Na Rúa Eijo Garay
Premios: Á mais “mona” – Á mais “bonita” – Á mais mariñeira. Haberá un aperitivo musical a cargo de DJ CHENTE
13:30 horas – Recepción de autoridades e convidados no barco museo Reina del Carmen e recoñecemento do Galardón bandeira azul do barco-museo

  • Presentación da Feira do Bonito

Nomeamento de asador maior a Servando García Ben
Nomeamento de colaboradora de honra a Salomé Gómez Fernández

  • Entrega de premios do concurso de carteis

Categoría A (programa de man) : Lucía Cancelos Rebolo
Categoría B (cartel) :Asociación A Mariña – CRLP de Ribadeo
14:30 horas – Pregón
Comezo da degustación: Bonito asado a grella, empanada, bonito cocido e pan por oito euros. Serviranse racións sen glute para as persoas celíacas
18:00 horas –Obradoiro de cociña sen glute. Xogos e actividades infantís
22:30 horas – Presentación do festival Osa do Mar 2016 
23:30 horas – Concertos dos grupos: Best Boy, Sexy Zebras, Astarot. A fin de festa correrá a cargo do DJ CHENTE

Produart
Paralelamente á festa gastronómica, nos últimos anos ten lugar na nave de redes de Burela a mostra de Produart, organizada pola Fundación Expomar, de produtos ecolóxicos e artesáns. Este ano é a súa decimo cuarta edición, na que se celebrarán mesas redondas, proxeccións e exposicións sobre temas medioambientais e ecolóxicos.