O Goberno da Deputación colabora con APALU na atención profesional dunha trintena de lucenses con Párkinson
O Executivo Provincial súmase aos actos organizados pola Asociación Párkinson de Lugo (APALU) con motivo do Día Mundial do Párkinson, que se celebra este mércores 11 de abril. O Goberno da Deputación colabora con APALU cunha achega económica de 4.000 euros para poder levar a cabo o programa de atención e motivación para a saúde no Párkinson. Esta axuda permite ao colectivo a atención profesional dunha trintena de lucenses con Párkinson, a través da realización de obradoiros de musicoterapia, logopedia e de estimulación cognitiva. Ademais, durante todo o ano, o organismo provincial colabora con dita asociación co desenvolvemento e a promoción de campañas e iniciativas encamiñadas á sensibilización e visibilización desta doenza na cidadanía.
A Deputada de Benestar e Igualdade, Sonsoles López Izquierdo, lembrou que o Párkinson é unha enfermidade crónica e progresiva que afecta a máis de 150.000 persoas en España, das que máis de 2.000 son da provincia de Lugo. Por iso dende o Goberno da Deputación traballamos da man con APALU na atención dos veciños e veciñas da provincia que sofren Párkinson, co fin de mellorar e facer máis levadío o día a día de todas estas familias, dentro da nosa aposta por ser unha institución sumamente social que traballa por e para as persoas.
Programación de actividades
Durante todo a mañá estarán dispoñibles no Concello de Lugo e na Sala Multiusos da Xunta de Galicia varias mesas de cuestación de APALU, con información sobre o labor que desempeña esta asociación lucense na provincia. Xa pola tarde, ás 17:00 horas, no edificio Sede Afundación ABANCA, en Lugo, terá lugar unha charla informativa a cargo da Logopeda da asociación, Vanesa Reigada, e do Dietista e Nutricionista, Ricardo Estévez, que estará moderada pola Neuróloga do HULA, Jéssica Ardura. A entrada é libre e gratuíta.
APALU
A Asociación de Párkinson de Lugo é un colectivo sen ánimo de lucro fundado no ano 2008 que ten como principais obxectivos mellorar a calidade de vida dos afectados e as súas familias; proporcionar información relacionada coa enfermidade, asesorando en aspectos médicos, psicolóxicos ou xurídico-legais; facilitar a conexión entre afectados; concienciar da necesidade dun diagnóstico correcto dende o principio; proporcionar unha atención integral e interdisciplinaria; representar os intereses dos enfermos de Párkinson e as súas familias; e sensibilizar á sociedade sobre a problemática desta enfermidade.
APALU posúe un local na capital lucense, cedido polo Concello de Lugo, no que ofrecen diferentes terapias rehabilitadoras como: fisioterapia, logopedia, atención psicolóxica, taller de escritura, estimulación cognitiva, terapia ocupacional, información, orientación e asesoramento. Actualmente contan con preto de 140 socios na provincia de Lugo.
Enfermidade neurodexenerativa
O Párkinson é unha enfermidade neurodexenerativa, de progresión lenta, cuxos principais síntomas son tremor, bradicinesia (lentitude nos movementos), inestabilidade postural e rixidez crecente dos músculos. É unha dexeneración crónica e progresiva das estruturas cerebrais encargadas da coordinación do movemento, o equilibrio, o mantemento do ton muscular e a postura. A día de hoxe se descoñece a causa da enfermidade do Párkinson e como previla.