O Goberno da Deputación colabora con APALU na atención profesional dunha trintena de lucenses con Párkinson
- A Deputación colabora con APALU cunha achega de 4.000 euros que permite ao colectivo a atención profesional dunha trintena de lucenses con Párkinson, a través do desenvolvemento de obradoiros de musicoterapia, logopedia e estimulación cognitiva
- APALU posúe un local na capital lucense, cedido polo Concello de Lugo, no que ofrecen diferentes terapias rehabilitadoras como fisioterapia, logopedia, atención psicolóxica, taller de escritura, estimulación cognitiva, terapia ocupacional, información, orientación e asesoramento. Actualmente contan con 140 socios
- Durante todo a mañá estarán dispoñibles, na cidade, varias mesas de cuestación de APALU, con información sobre o labor que desempeña esta asociación. Ás 17:00 horas, na Sede Afundación ABANCA, terá lugar unha charla informativa a cargo da Logopeda da asociación, Vanesa Reigada; e do Dietista e Nutricionista, Ricardo Estévez; que estará moderada pola Neuróloga do HULA, Jéssica Ardura. A entrada é libre e gratuíta
O Executivo Provincial súmase aos actos organizados pola Asociación Párkinson de Lugo (APALU) con motivo do Día Mundial do Párkinson, que se celebra este mércores 11 de abril. O Goberno da Deputación colabora con APALU cunha achega económica de 4.000 euros para poder levar a cabo o programa de atención e motivación para a saúde no Párkinson. Esta axuda permite ao colectivo a atención profesional dunha trintena de lucenses con Párkinson, a través da realización de obradoiros de musicoterapia, logopedia e de estimulación cognitiva. Ademais, durante todo o ano, o organismo provincial colabora con dita asociación co desenvolvemento e a promoción de campañas e iniciativas encamiñadas á sensibilización e visibilización desta doenza na cidadanía.
A Deputada de Benestar e Igualdade, Sonsoles López Izquierdo, lembrou que o Párkinson é unha enfermidade crónica e progresiva que afecta a máis de 150.000 persoas en España, das que máis de 2.000 son da provincia de Lugo. Por iso dende o Goberno da Deputación traballamos da man con APALU na atención dos veciños e veciñas da provincia que sofren Párkinson, co fin de mellorar e facer máis levadío o día a día de todas estas familias, dentro da nosa aposta por ser unha institución sumamente social que traballa por e para as persoas.
Programación de actividades
Durante todo a mañá estarán dispoñibles no Concello de Lugo e na Sala Multiusos da Xunta de Galicia varias mesas de cuestación de APALU, con información sobre o labor que desempeña esta asociación lucense na provincia. Xa pola tarde, ás 17:00 horas, no edificio Sede Afundación ABANCA, en Lugo, terá lugar unha charla informativa a cargo da Logopeda da asociación, Vanesa Reigada, e do Dietista e Nutricionista, Ricardo Estévez, que estará moderada pola Neuróloga do HULA, Jéssica Ardura. A entrada é libre e gratuíta.
APALU
A Asociación de Párkinson de Lugo é un colectivo sen ánimo de lucro fundado no ano 2008 que ten como principais obxectivos mellorar a calidade de vida dos afectados e as súas familias; proporcionar información relacionada coa enfermidade, asesorando en aspectos médicos, psicolóxicos ou xurídico-legais; facilitar a conexión entre afectados; concienciar da necesidade dun diagnóstico correcto dende o principio; proporcionar unha atención integral e interdisciplinaria; representar os intereses dos enfermos de Párkinson e as súas familias; e sensibilizar á sociedade sobre a problemática desta enfermidade.
APALU posúe un local na capital lucense, cedido polo Concello de Lugo, no que ofrecen diferentes terapias rehabilitadoras como: fisioterapia, logopedia, atención psicolóxica, taller de escritura, estimulación cognitiva, terapia ocupacional, información, orientación e asesoramento. Actualmente contan con preto de 140 socios na provincia de Lugo.
Enfermidade neurodexenerativa
O Párkinson é unha enfermidade neurodexenerativa, de progresión lenta, cuxos principais síntomas son tremor, bradicinesia (lentitude nos movementos), inestabilidade postural e rixidez crecente dos músculos. É unha dexeneración crónica e progresiva das estruturas cerebrais encargadas da coordinación do movemento, o equilibrio, o mantemento do ton muscular e a postura. A día de hoxe se descoñece a causa da enfermidade do Párkinson e como previla.