Deputación de Lugo

Os acantilados de Morás, por primeira vez en Km0

O Lugo romano, O Courel e Xove son os protagonistas esta semana no programa de visitas medioambientais promovido pola Deputación

Os acantilados de Morás, un dos lugares máis espectaculares da Mariña, serán visitados por primeira vez dentro programa de visitas institucionais e mediombientais Km0 que promove a Deputación. Ademais, esta semana tamén inclúe visitas ó Lugo Romano e ó Courel. A Vicepresidenta Segunda, Lara Méndez, recibiu este martes no Pazo de San Marcos a un grupo da Asociación de Mulleres Rurais de Begonte que elexiu o Lugo romano. A ruta incluíu unha vista ó Centro de Artesanía e Deseño, dependente da institución provincial, e á Fervenza. A continuación percorreron a Muralla e coñeceron as Termas Romanas. Mañá, serán alumnos e profesores do Colexio María Auxiliadora de Lugo os que participarán en Km0. Neste caso, percorrerán as instalacións do conxunto etnográfico de Santa Comba e desprazaranse á Montaña para visitar os Castros de Vilar do Courel e da Torre e a aldea de Seceda. Por último, o xoves un grupo formado por 36 solicitantes individuais, poderán comprobar cómo se elabora a oleiría de Bonxe, e percorreran as praias de Are, Muiñelo e Portonovo, no Concello de Xove. Desde Vilachá farán unha ruta ata a Punta Roncadoira, visitarán os portos de Portocelo e de Morás, e camiñarán ata os acantilados do Morás, onde hai numerosas figuras na rocha esculpidas polo vento e o mar, entre as que destaca a denominada “A dona do mar”.