A Área de Deporte da Deputación colabora co XLIX Campionato de España Xuvenil Masculino de Voleibol que organiza EMEVÉ Laboratorios Nupel
![](/sites/deputacionlugo.org/files/Imagenes/0_3626_1.jpg)
O delegado da Área de Deporte da Deputación, Antonio Veiga, presentou este venres a XLIX edición do Campionato de España Xuvenil Masculino de Voleibol que este ano se desenvolverá, por primeira vez, na cidade de Lugo entre os días 1 e 3 de maio. O club Emevé Laboratorio Nupel organiza este evento no que participan 24 equipos de toda España e que terá lugar no Pazo Municipal de Deportes e no pavillón Casa do Deporte. Ademais dos dous representantes da asociación deportiva organizadora, José e Coté Bouza, tamén estivo presente no acto de presentación, o conselleiro de Deportes de Lugo, José Manuel Díaz Grandío. Na súa intervención, Antonio Veiga felicitou o Club Voleibol Emevé polo traballo realizado en prol do deporte lucense. Un labor que consegue pór en valor unha disciplina considerada por moitos minoritaria pero que en Lugo e nas súas comarcas, conta cun bo número de afeccionados e con moitos anos de historia ás súas costas. Logo disto, o delegado da Área de Deporte da Deputación asegurou que a práctica e os logros acadados neste deporte non dan nin aparecen nos grandes titulares pero si dan alegrías a todas aquelas persoas que o practican e o viven día a día. Nesta liña, Veiga recalcou o compromiso adquirido pola Área de Deporte da Deputación para fomentar e impulsar o voleibol en todas as comarcas. Ademais de apoiar e axudar as asociacións deportivas que promovan iniciativas que persigan tales fins. Tal e como informaron os representantes do asociación organizadora, José e Coté Bouza, durante o Nacional disputaranse ao redor duns 50 partidos con dúas fases de competición. A primeira delas entre os días 29 e 30, e a segunda entre o 1 e o 3 de maio. O equipo lucense e anfitrión da competición, o Emevé Laboratorios Nupel, disputará a primeira fase do torneo no grupo A, enfrontándose ao Alcalá A, ao Cid Jovellanos e ao Lankine. A Área de Deporte da Deputación, a Xunta de Galicia, a Concellería de Deportes de Lugo, os Laboratorios Nupel e varios establecementos e empresarios da cidade apoian esta iniciativa.