Deputación de Lugo

A Área de Deporte da Deputación colabora co XLIX Campionato de España Xuvenil Masculino de Voleibol que organiza EMEVÉ Laboratorios Nupel

Antonio Veiga resaltou que este deporte conta cun bo número de afeccionados nas comarcas lucenses e con “moitos anos de historia ás súas costas”

O delegado da Área de Deporte da Deputación, Antonio Veiga, presentou este venres a XLIX edición do Campionato de España Xuvenil Masculino de Voleibol que este ano se desenvolverá, por primeira vez, na cidade de Lugo entre os días 1 e 3 de maio. O club Emevé Laboratorio Nupel organiza este evento no que participan 24 equipos de toda España e que terá lugar no Pazo Municipal de Deportes e no pavillón Casa do Deporte. Ademais dos dous representantes da asociación deportiva organizadora, José e Coté Bouza, tamén estivo presente no acto de presentación, o conselleiro de Deportes de Lugo, José Manuel Díaz Grandío. Na súa intervención, Antonio Veiga felicitou o Club Voleibol Emevé polo traballo realizado en prol do deporte lucense. Un labor que consegue pór en valor unha disciplina considerada por moitos “minoritaria” pero que en Lugo e nas súas comarcas, conta cun bo número de afeccionados e con “moitos anos de historia ás súas costas”. Logo disto, o delegado da Área de Deporte da Deputación asegurou que a práctica e os logros acadados neste deporte “non dan nin aparecen nos grandes titulares” pero si “dan alegrías a todas aquelas persoas que o practican e o viven día a día”. Nesta liña, Veiga recalcou o compromiso adquirido pola Área de Deporte da Deputación para fomentar e impulsar o voleibol en todas as comarcas. Ademais de apoiar e axudar as asociacións deportivas que promovan iniciativas que persigan tales fins. Tal e como informaron os representantes do asociación organizadora, José e Coté Bouza, durante o Nacional disputaranse ao redor duns 50 partidos con dúas fases de competición. A primeira delas entre os días 29 e 30, e a segunda entre o 1 e o 3 de maio. O equipo lucense e anfitrión da competición, o Emevé Laboratorios Nupel, disputará a primeira fase do torneo no grupo A, enfrontándose ao Alcalá A, ao Cid Jovellanos e ao Lankine. A Área de Deporte da Deputación, a Xunta de Galicia, a Concellería de Deportes de Lugo, os Laboratorios Nupel e varios establecementos e empresarios da cidade apoian esta iniciativa.