Deputación de Lugo

O Plan Estratéxio inicia unha segunda fase coa reunión das mesas sectoriais

O Presidente da Deputación destacou que “este é o primeiro documento que aborda a provincia dun xeito global”

A demografía e o mercado de traballo serán analizados na primeira das 21 mesas que se celebra hoxe O Plan Estratéxico da provincia, que está a elaborar a Deputación en colaboración con Caixa Galicia, entra este martes nunha segunda fase coa reunión das mesas sectoriais. En total serán 21 mesas nas que, durante os meses de maio o xuño, os representantes socioeconómicos analizarán a diagnóse pormenorizada da provincia que se elaborou durante a primeira fase o Plan, e farán as súas propostas. O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, destacou que “esta é a primeira vez que en Lugo se prepara un Plan Estratéxico que vai afrontar a provincia dun xeito global, e isto non é algo menor. Este ano imos dispoñer dun documento que é moi importante porque recollerá a realidade desta provincia e os seus retos de cara o futuro, que debemos asumir de forma conxunta”. Está previsto que o documento estea rematado no mes de agosto. Demografía e Mercado de Traballo Gómez Besteiro estivo acompañado polo Director do Centro de Investigación de Estudos Finacieiros de Caixa Galicia, Alberto Ameixide, e o director do Instituto Universitario de Estudos e Desenvolvemento de Galicia (IDEGA). Melchor Fernández, que foi o encargado de redactar o informe sobre demografía e mercado de traballo, os dous asuntos que abordará a primeira mesa sectorial que se celebra hoxe na sede do INLUDES. O director do Centro de Estudos Financieiros de Caixa Galicia dixo que “será un documento moi participativo no que se recollerá a opinión de todos os axentes socioeconómicos da provincia”. O documento definitivo recollerá un amplo abano de propostas que serán moi concretas e que terán presentes os Fondos Europeos, “co obxectivo de aproveitar o último tren que ten Galicia para captar importantes investimentos da Unión Europea”. Pola súa banda, o director do IDEGA, Melchor Fernánde, afirmou que a diagnóse que se estudará hoxe recolle “a evolución demográfica da provincia, a incidencia das migracións e a distribución xeográfica da poboación, na que hai fortes asimietrías”, Ademais, apuntou que “unha das aportacións ó Plan é que xa fixemos proxeccións demográficas a nivel municipal e, polo tanto, sabemos cal vai ser a dimámica xeográfica previsible en todos os Concellos da provincia no horizonte de 2020”. En canto ó mercado de traballo en Lugo, “o principal problema non é a taxa de desemprego, unha das máis baixas de España, senón outras singularidades como os baixos salarios ou a dependencia de determinados sectores”. Xunta de Voceiros Esta mañá houbo unha reunión cos voceiros dos grupos políticos para abordar o novo paso que se vai dar na elaboración do documento. José Ramón Gómez Besteiro avanzou que “o Plan Estratéxico terá un comité de dirección onde estarán, como non podía ser doutro xeito, os tres grupos presentes na Deputación para facer un seguimento do Plan”.