Gómez Besteiro participa en Chantada na entrega da XI Edición do Billó de Ouro
![Imaxe deputación de lugo](/sites/deputacionlugo.org/files/default_images/depulugo001.jpg)
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, participou este sábado na entrega da XI Edición do Billó de Ouro. Trátase dun galardón que, dende hai anos, concede a Sociedade Cultural e Gastronómica Luso-Galaica en colaboración co Concello de Chantada a unha personalidade ou institución cuxa actividade marcou a desenvolvemento deste Concello. Este ano, o premiado foi Faustino Fernández Vázquez, empresario nacido en Cuba pero criado en Vilaseco, na parroquia chantadita de Laxe, e que foi un dos fundadores de Fadesa. Neste senso, Gómez Besteiro felicitou ao galardoado por este merecido premio que recoñece o traballo de toda unha vida do que todos nos beneficiamos. Durante o acto de entrega, ao que acudiron máis dun cento de persoas, o titular do organismo provincial lembrou que Fernández Vázquez recuperou a Banda de Música de Chantada, e donou a Casa de Lemos, o que hoxe é a Casa de Cultura desta localidade. Foi artífice de pequenas e grandes obras, aínda que todas elas moi significativas para os veciños da nosa provincia, e para Galicia en xeral, incidíu. Gómez Besteiro subliñou que o premiado participou na construcción da Estrada do Atlántico, na fábrica da Toxa, ou na Residencia Juan Canalejo, entre outros proxectos. Ao mesmo tempo, indicou que a súa familia continúa a traballar en grandes proxectos para a Comunidade, para España , e tamén no eido internacional, traendo riqueza a Galicia, e levando o nome da nosa provincia. Sen dúbida, dende a Deputación apoiaremos a todos os emprendedores que, como Faustino, traballen por e para a provincia, concluíu.