Deputación de Lugo

A Fundación TIC organiza un encontro dos alumnos con Hervera e Vaquero, lucenses nos Goya 2010

Imaxe deputación de lugo
Gómez Besteiro destacou “a nosa intención é destacar o mérito duns e outros. Por iso hoxe están con nós María Herrera e Arturo Vaquero, cos que queremos transmitir ese orgullo de provincia, na que se fan grandes cousas”

O Presidente provincial anunciou que a Deputación está a xestionar unha recepción oficial a Luis Tosar e Julio Fernández As conferencias, ás cinco e ás seis da tarde, terán lugar no Salón de Actos da Deputación e serán abertas ó público A Fundación TIC, dependente da Deputación, organiza esta tarde un encontro dos alumnos da Escola de Imaxe e Son con dous dos lucenses nos Premios Goya 2010: a guionista María Hervera, premio á mellor película documental por “Garbo, el hombre que salvó el mundo” e Arturo Vaquero, nominado á mellor canción orixinal por “Agallas vs. Escamas”. Serán dúas conferencias, a de Arturo Vaquero ás cinco da tarde e a de María Hervera ás seis. Terán lugar no salón de actos da Deputación e estarán abertas ó público. O Presidente da Fundación, José Ramón Gómez Besteiro, subliñou que “os Premios Goya deste ano tiveron, sen dúbida, unha forte presenza galega e lucense en particular, na que Luis Tosar e Julio Fernández resultaron premiados, pero tamén houbo outros que estiveron neste punto onde moitas veces é difícil chegar. A nosa intención é destacar o mérito duns e outros. Por iso hoxe están con nós María Herrera e Arturo Vaquero, cos que queremos transmitir ese orgullo de provincia, na que se fan grandes cousas e con xente marabillosa”. Neste senso, anunciou que a Deputación está a xestionar unha recepción oficial a Tosar e Fernández. Exemplo para os alumnos Gómez Besteiro afirmou que “este recoñecemento do cine español e esta visita é interesante para que o mundo da imaxe e do son teña ese protagonismo que nos humildemente lle queremos dar dende a Fundación TIC”. O principal obxectivo da Fundación é a inserción laboral dos seus alumnos, e o mundo cinematográfico é unha das saídas que teñen. Para elo é necesario una boa formación teórica, pero tamén que coñezan de primeira man a experiencia de profesionais de recoñecido prestixio, como é o caso de María Hervera e Arturo Vaquero, ou doutros lucenses, como Julio Fernández, Pedro Revaldería e directores como Inmanol Uribe e José Luis Cuerda, que tamén compartiron unha xornada cos estudantes da EIS. Dende a Fundación tamén se apoia os primeiros pasos dos alumnos no mercado laboral coa colaboración, a través da súa participación, na rodaxe de películas como a curta “Triste soledad de un violinista”, que se realizou estes días en Sarria, ou do documental “Garbo, Hitler...e Araceli”. Hervera e Vaquero María Hervera conseguíu o premio á mellor película documental por “Garbo, el hombre que salvó el mundo”, unha historia que coñeceu a través da lucense Araceli González, quen fora muller de Juan Pujol, o espía español máis importante de todos os tempos. Hai oito anos obtivo unha bolsa do Instituto das Ciencias Cinematográficas e Audiovisuais para afondar nos secretos de Juan Pujol. Neste senso, amosou a súa satisfacción polo recibimento da Deputación e polo premio “porque coñecín a Araceli. Era amiga da miña avoa”. Deste xeito, apuntou que “foi un traballo difícil. O primeiro marido de Araceli reapareceu cando se pensaba que estaba morto. Esa foi a primeira mentira. Tiña a 27 subaxentes traballando para el”. Arturo Vaquero, nominado polo tema “Agallas vs. Escamas”, para a película “Agallas”, foi un dos primeiros galegos que destacou no campo da música electrónica. Deuse a coñecer co pseudónimo de “Humanoid”, editou varios CDs e realizou numerosos concertos. Vaquero combina o seu labor de compositor coa de Enxeñeiro de Son e produtor musical. Tamén realiza bandas sonoras e música para documentais e anuncios en radio e televisión. Vaquero lembrou que a composición “foi unha canción orixinal de libro. Os guionistas fixeron a letra. A nominación foi un gran premio porque hai unha selección moi ampla. Como lucenses que somos, imos seguir insistindo ano tras ano para traer o Goya a Lugo”. Curso inglés Por outra banda, a Escola de Imaxe e Son de Lugo acolle dende este martes un curso de inglés audiovisual organizado polo Consorcio Audiovisual de Galicia e a Consellería de Educación, en colaboración coa Fundación TIC. En total, vintecinco profesionais do sector e titulados da EIS participarán na acción formativa, que se desenvolverá por primeira vez na provincia, e que ten unha duración de sesenta horas. A iniciativa englóbase dentro do convenio suscrito coa Fundación TIC e dentro do Plan de Formación continua do seu persoal docente e técnico.