A Fundación TIC organiza un encontro dos alumnos con Hervera e Vaquero, lucenses nos Goya 2010
![Imaxe deputación de lugo](/sites/deputacionlugo.org/files/default_images/depulugo001.jpg)
O Presidente provincial anunciou que a Deputación está a xestionar unha recepción oficial a Luis Tosar e Julio Fernández As conferencias, ás cinco e ás seis da tarde, terán lugar no Salón de Actos da Deputación e serán abertas ó público A Fundación TIC, dependente da Deputación, organiza esta tarde un encontro dos alumnos da Escola de Imaxe e Son con dous dos lucenses nos Premios Goya 2010: a guionista María Hervera, premio á mellor película documental por Garbo, el hombre que salvó el mundo e Arturo Vaquero, nominado á mellor canción orixinal por Agallas vs. Escamas. Serán dúas conferencias, a de Arturo Vaquero ás cinco da tarde e a de María Hervera ás seis. Terán lugar no salón de actos da Deputación e estarán abertas ó público. O Presidente da Fundación, José Ramón Gómez Besteiro, subliñou que os Premios Goya deste ano tiveron, sen dúbida, unha forte presenza galega e lucense en particular, na que Luis Tosar e Julio Fernández resultaron premiados, pero tamén houbo outros que estiveron neste punto onde moitas veces é difícil chegar. A nosa intención é destacar o mérito duns e outros. Por iso hoxe están con nós María Herrera e Arturo Vaquero, cos que queremos transmitir ese orgullo de provincia, na que se fan grandes cousas e con xente marabillosa. Neste senso, anunciou que a Deputación está a xestionar unha recepción oficial a Tosar e Fernández. Exemplo para os alumnos Gómez Besteiro afirmou que este recoñecemento do cine español e esta visita é interesante para que o mundo da imaxe e do son teña ese protagonismo que nos humildemente lle queremos dar dende a Fundación TIC. O principal obxectivo da Fundación é a inserción laboral dos seus alumnos, e o mundo cinematográfico é unha das saídas que teñen. Para elo é necesario una boa formación teórica, pero tamén que coñezan de primeira man a experiencia de profesionais de recoñecido prestixio, como é o caso de María Hervera e Arturo Vaquero, ou doutros lucenses, como Julio Fernández, Pedro Revaldería e directores como Inmanol Uribe e José Luis Cuerda, que tamén compartiron unha xornada cos estudantes da EIS. Dende a Fundación tamén se apoia os primeiros pasos dos alumnos no mercado laboral coa colaboración, a través da súa participación, na rodaxe de películas como a curta Triste soledad de un violinista, que se realizou estes días en Sarria, ou do documental Garbo, Hitler...e Araceli. Hervera e Vaquero María Hervera conseguíu o premio á mellor película documental por Garbo, el hombre que salvó el mundo, unha historia que coñeceu a través da lucense Araceli González, quen fora muller de Juan Pujol, o espía español máis importante de todos os tempos. Hai oito anos obtivo unha bolsa do Instituto das Ciencias Cinematográficas e Audiovisuais para afondar nos secretos de Juan Pujol. Neste senso, amosou a súa satisfacción polo recibimento da Deputación e polo premio porque coñecín a Araceli. Era amiga da miña avoa. Deste xeito, apuntou que foi un traballo difícil. O primeiro marido de Araceli reapareceu cando se pensaba que estaba morto. Esa foi a primeira mentira. Tiña a 27 subaxentes traballando para el. Arturo Vaquero, nominado polo tema Agallas vs. Escamas, para a película Agallas, foi un dos primeiros galegos que destacou no campo da música electrónica. Deuse a coñecer co pseudónimo de Humanoid, editou varios CDs e realizou numerosos concertos. Vaquero combina o seu labor de compositor coa de Enxeñeiro de Son e produtor musical. Tamén realiza bandas sonoras e música para documentais e anuncios en radio e televisión. Vaquero lembrou que a composición foi unha canción orixinal de libro. Os guionistas fixeron a letra. A nominación foi un gran premio porque hai unha selección moi ampla. Como lucenses que somos, imos seguir insistindo ano tras ano para traer o Goya a Lugo. Curso inglés Por outra banda, a Escola de Imaxe e Son de Lugo acolle dende este martes un curso de inglés audiovisual organizado polo Consorcio Audiovisual de Galicia e a Consellería de Educación, en colaboración coa Fundación TIC. En total, vintecinco profesionais do sector e titulados da EIS participarán na acción formativa, que se desenvolverá por primeira vez na provincia, e que ten unha duración de sesenta horas. A iniciativa englóbase dentro do convenio suscrito coa Fundación TIC e dentro do Plan de Formación continua do seu persoal docente e técnico.