Deputación de Lugo

Alomenos 40 emprendedores lucenses crearán ou consolidarán o seu negocio grazas a un convenio da Deputación con MicroBank

A Deputada de Economía destacou que esta nova iniciativa, que presentou xunto ó director Comercial da entidade financeira en España, Ramón Gatell, “fortalecerá o tecido empresarial e creará emprego na provincia” Por medio deste acordo, dun ano de duración, a Deputación prestará asesoramento ós solicitantes e MicroBank concederá un máximo de 25.000 euros por beneficiario García Porto explicou que o acordo da continuidade á intensa liña de axudas que a institución luguesa presta ás PEMES e autónomos dende 2008 a través do INLUDES, que suman 1,8 millóns e beneficiaron a máis de 1.400 organizacións

A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, e o Director Comercial en España de Microbank, Ramón Gatell Collel, asinaron este mércores o convenio mediante o cal o organismo provincial e a entidade financeira prestarán asistencia técnica e económica a emprendedores e pequenos empresarios da provincia para que creen ou consoliden os seus proxectos empresariais. O acordo, dun ano de duración, está dotado de 1 millón de euros, destinados ó financiamento dos proxectos que se presenten e sexan aprobados. Cada solicitante recibirá un máximo de 25.000 euros, polo que, “grazas á colaboración entre o sector público e privado, facilitaremos que alomenos 40 emprendedores e empresarios lucenses impulsen os seus negocios”, explicou García Porto.

A Deputada destacou que esta iniciativa “social e económica”, que enmarcou na aposta do organismo provincial polo crecemento, “fortalece o tecido empresarial lucense e crea emprego”, dando ademais continuidade “á intensa liña de actuacións que desenvolvemos neste campo a través do INLUDES dende o ano 2008”. A Deputada lembrou neste senso que nos últimos catro anos concedéronse 1,8 millóns de euros de axudas para consolidar a actividade das empresas da provincia, das que se beneficiaron máis de 1.400 firmas, autónomos e asociacións profesionais.

O novo convenio responde, sinalou Pilar García Porto, “ás necesidades reais dos emprendedores e pequenos empresarios”, pois “o maior tropezo co que recoñecen atoparse á hora de montar os negocios é dispoñer de financiamento e ó redor dun 60% das novas empresas creadas fracasan ós dous anos e medio por problemas económicos”, segundo informes do observatorio de referencia a nivel mundial sobre actividade emprendedora, o GEM (Global Entrepreneurship Monitor), cuxos estudos en Galicia coordinan a Confederación de Empresarios de Galicia, BIC Galicia e a USC.

A demanda queda tamén constatada cos seguintes datos, que aportou a Deputada de Economía: “a taxa de actividade emprendedora en Galicia medrou nun punto o pasado ano, situándose en preto do 5% da poboación, sobre todo polo actual contexto de dificultade económica; en Lugo, o CEI-NODUS, dependente do Concello, duplicou as demandas de asesoramento recibidas nos últimos dous anos e, dende a súa posta en marcha no 2008, aumentou nun 63% o número de empresas creadas ó seu abeiro; e a Fundación CEL en Lugo aumentou un 60% a cantidade de iniciativas emprendedoras que recibiu no primeiro cuadrimestre deste ano con respecto ó mesmo período do pasado ano”.

Dende hoxe mesmo

As persoas interesadas en beneficiarse desta iniciativa poden dirixirse dende hoxe mesmo ó departamento de Novas Tecnoloxías da Deputación, chamado ó número de teléfono 982.26.00.77, onde lles darán toda a información sobre este convenio e os pasos que deben dar para beneficiarse del.

O papel da Deputación será encargarse de recibir as propostas, facilitar por medio dos seus técnicos o asesoramento necesario para o bo desenvolvemento da idea e elaborar un informe favorable de viabilidade. Pola súa banda, MicroBank, o banco social de La Caixa, abrirá unha liña de crédito para garantir a viabilidade económica do proxecto.

A Deputación decidiu dar luz verde a este convenio “porque é útil e necesario para a provincia, porque favorece a recuperación do emprego, contribuíndo a fixar poboación, pero tamén pola traxectoria de MicroBank neste campo”, sinalou García Porto. Lembrou neste senso que o Concello de Lugo “ten asinado un acordo das mesmas características con esta entidade financeira e a boa experiencia que está resultando, así como o interese que nos teñen demostrado dende diversos sectores, levounos a facer extensivo o convenio a toda a provincia. No pouco tempo que leva en marcha no Concello, hai xa 3 proxectos empresariais aprobados e en tramitación”.

Microbank, a única entidade dedicada ó financiamento de proxectos empresariais e de negocio a través de microcréditos, ten asinado convenios desta índole con 473 entidades de toda España. Calcula que cada microcrédito crea de media 1,5 postos de traballo.