Alomenos 40 emprendedores lucenses crearán ou consolidarán o seu negocio grazas a un convenio da Deputación con MicroBank
A Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Pilar García Porto, e o Director Comercial en España de Microbank, Ramón Gatell Collel, asinaron este mércores o convenio mediante o cal o organismo provincial e a entidade financeira prestarán asistencia técnica e económica a emprendedores e pequenos empresarios da provincia para que creen ou consoliden os seus proxectos empresariais. O acordo, dun ano de duración, está dotado de 1 millón de euros, destinados ó financiamento dos proxectos que se presenten e sexan aprobados. Cada solicitante recibirá un máximo de 25.000 euros, polo que, grazas á colaboración entre o sector público e privado, facilitaremos que alomenos 40 emprendedores e empresarios lucenses impulsen os seus negocios, explicou García Porto.
A Deputada destacou que esta iniciativa social e económica, que enmarcou na aposta do organismo provincial polo crecemento, fortalece o tecido empresarial lucense e crea emprego, dando ademais continuidade á intensa liña de actuacións que desenvolvemos neste campo a través do INLUDES dende o ano 2008. A Deputada lembrou neste senso que nos últimos catro anos concedéronse 1,8 millóns de euros de axudas para consolidar a actividade das empresas da provincia, das que se beneficiaron máis de 1.400 firmas, autónomos e asociacións profesionais.
O novo convenio responde, sinalou Pilar García Porto, ás necesidades reais dos emprendedores e pequenos empresarios, pois o maior tropezo co que recoñecen atoparse á hora de montar os negocios é dispoñer de financiamento e ó redor dun 60% das novas empresas creadas fracasan ós dous anos e medio por problemas económicos, segundo informes do observatorio de referencia a nivel mundial sobre actividade emprendedora, o GEM (Global Entrepreneurship Monitor), cuxos estudos en Galicia coordinan a Confederación de Empresarios de Galicia, BIC Galicia e a USC.
A demanda queda tamén constatada cos seguintes datos, que aportou a Deputada de Economía: a taxa de actividade emprendedora en Galicia medrou nun punto o pasado ano, situándose en preto do 5% da poboación, sobre todo polo actual contexto de dificultade económica; en Lugo, o CEI-NODUS, dependente do Concello, duplicou as demandas de asesoramento recibidas nos últimos dous anos e, dende a súa posta en marcha no 2008, aumentou nun 63% o número de empresas creadas ó seu abeiro; e a Fundación CEL en Lugo aumentou un 60% a cantidade de iniciativas emprendedoras que recibiu no primeiro cuadrimestre deste ano con respecto ó mesmo período do pasado ano.
Dende hoxe mesmo
As persoas interesadas en beneficiarse desta iniciativa poden dirixirse dende hoxe mesmo ó departamento de Novas Tecnoloxías da Deputación, chamado ó número de teléfono 982.26.00.77, onde lles darán toda a información sobre este convenio e os pasos que deben dar para beneficiarse del.
O papel da Deputación será encargarse de recibir as propostas, facilitar por medio dos seus técnicos o asesoramento necesario para o bo desenvolvemento da idea e elaborar un informe favorable de viabilidade. Pola súa banda, MicroBank, o banco social de La Caixa, abrirá unha liña de crédito para garantir a viabilidade económica do proxecto.
A Deputación decidiu dar luz verde a este convenio porque é útil e necesario para a provincia, porque favorece a recuperación do emprego, contribuíndo a fixar poboación, pero tamén pola traxectoria de MicroBank neste campo, sinalou García Porto. Lembrou neste senso que o Concello de Lugo ten asinado un acordo das mesmas características con esta entidade financeira e a boa experiencia que está resultando, así como o interese que nos teñen demostrado dende diversos sectores, levounos a facer extensivo o convenio a toda a provincia. No pouco tempo que leva en marcha no Concello, hai xa 3 proxectos empresariais aprobados e en tramitación.
Microbank, a única entidade dedicada ó financiamento de proxectos empresariais e de negocio a través de microcréditos, ten asinado convenios desta índole con 473 entidades de toda España. Calcula que cada microcrédito crea de media 1,5 postos de traballo.