Deputación de Lugo

A Deputación impulsa as vendas de produtores e artesáns da provincia co 1º mercado de Nadal Merca o teu

Imaxe deputación de lugo
Unha vintena de pequenos empresarios e autónomos dos sectores da agroalimentación e a artesanía poñerán á venda os seus produtos e pezas nun certame que terá lugar entre os días 21 de decembro e 5 de xaneiro na Praza de San MarcosA caseta mellor decorada recibirá un premio de 400 euros, e entre as persoas que compren algún artigo no mercado sortearase unha cesta de Nadal composta por produtos autóctonosOs máis pequenos gozarán nunha jaima de actividades didácticas gratuítas, nas que coñecerán de maneira amena e divertida as características da fauna e a flora de Terras do Miño, coincidindo co 10º aniversario desta Reserva da Biosfera

A Deputación de Lugo impulsa as vendas de produtores e artesáns da provincia organizando o 1º mercado de Nadal Merca o teu, un certame que terá lugar entre o vindeiro venres, 21 de decembro, e o día 5 de xaneiro na Praza de San Marcos. Unha vintena de pequenos empresarios e autónomos dos sectores da agroalimentación e a artesanía poñerán á venda os seus produtos nas 14 casetas que se comezaron a instalar este mesmo luns en San Marcos, un espazo que, deste xeito, reforza durante as festas de Nadal o carácter aberto e innovador que adquiriu coa súa completa remodelación a través do Plan URBAN. Unha desas 14 casetas estará destinada a ofrecer información ó público asistente sobre o propio mercado, así como a difundir os recursos da provincia, mentres que noutro dos stands haberá demostracións de oficios tradicionais, como o de ferreiro, canteiro ou cesteiro, entre outros.

O Presidente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurará o día 21 pola tarde o mercado, co que a Deputación pon en valor a calidade dos produtos agroalimentarios e a artesanía da provincia e contribúe a aumentalas vendas destes pequenos empresarios e autónomos aproveitando o tirón das festas de Nadal.

Xunto á venda de produtos e artigos, e ás demostracións de oficios tradicionais, na Praza de San Marcos haberá unha jaima na que os máis pequenos poderán gozar de actividades didácticas gratuítas, nas que coñecerán dun xeito ameno e divertido as características da fauna e a flora de Terras do Miño, coincidindo coa declaración deste valioso espazo natural como Reserva da Biosfera por parte da UNESCO.

Por outra banda, a caseta mellor decorada recibirá un premio de 400 euros, e entre tódalas persoas que fagan algunha compra neste 1º mercado de Nadal lucense sortearase o día 5 de xaneiro unha cesta de Nadal, composta por produtos autóctonos.

Música para recadar fondos

No stand de información co que contará o certame poñerase á venda o CD con fins solidarios Cantos de Nadal, que recolle 10 temas do compositor e produtor Eloi Caldeiro, e en cuxo proceso de gravación e mesturas participaron alumnos da Escola de Imaxe e Son (EIS), o único centro público da provincia con ensinanzas da rama audiovisual. Os fondos recadados coa venda do CD dedicaranse á compra de agasallos para os nenos máis desfavorecidos da provincia.

Os temas deste traballo discográfico, que conta coa participación de nomes tan destacados da música galega e internacional como os de Rosa Cedrón e Susana Seivane, soarán ademais como música ambiente durante os 15 días de duración do evento.

Horarios

O mercado de Nadal estará aberto entre o 21 de decembro e o 5 de xaneiro, excepto os días 25 de decembro e 1 de xaneiro, en horario de 11:00 a 13:30 e de 17:00 a 20:30.