A Deputación impulsa as vendas de produtores e artesáns da provincia co 1º mercado de Nadal Merca o teu
![Imaxe deputación de lugo](/sites/deputacionlugo.org/files/default_images/depulugo001.jpg)
A Deputación de Lugo impulsa as vendas de produtores e artesáns da provincia organizando o 1º mercado de Nadal Merca o teu, un certame que terá lugar entre o vindeiro venres, 21 de decembro, e o día 5 de xaneiro na Praza de San Marcos. Unha vintena de pequenos empresarios e autónomos dos sectores da agroalimentación e a artesanía poñerán á venda os seus produtos nas 14 casetas que se comezaron a instalar este mesmo luns en San Marcos, un espazo que, deste xeito, reforza durante as festas de Nadal o carácter aberto e innovador que adquiriu coa súa completa remodelación a través do Plan URBAN. Unha desas 14 casetas estará destinada a ofrecer información ó público asistente sobre o propio mercado, así como a difundir os recursos da provincia, mentres que noutro dos stands haberá demostracións de oficios tradicionais, como o de ferreiro, canteiro ou cesteiro, entre outros.
O Presidente provincial, José Ramón Gómez Besteiro, inaugurará o día 21 pola tarde o mercado, co que a Deputación pon en valor a calidade dos produtos agroalimentarios e a artesanía da provincia e contribúe a aumentalas vendas destes pequenos empresarios e autónomos aproveitando o tirón das festas de Nadal.
Xunto á venda de produtos e artigos, e ás demostracións de oficios tradicionais, na Praza de San Marcos haberá unha jaima na que os máis pequenos poderán gozar de actividades didácticas gratuítas, nas que coñecerán dun xeito ameno e divertido as características da fauna e a flora de Terras do Miño, coincidindo coa declaración deste valioso espazo natural como Reserva da Biosfera por parte da UNESCO.
Por outra banda, a caseta mellor decorada recibirá un premio de 400 euros, e entre tódalas persoas que fagan algunha compra neste 1º mercado de Nadal lucense sortearase o día 5 de xaneiro unha cesta de Nadal, composta por produtos autóctonos.
Música para recadar fondos
No stand de información co que contará o certame poñerase á venda o CD con fins solidarios Cantos de Nadal, que recolle 10 temas do compositor e produtor Eloi Caldeiro, e en cuxo proceso de gravación e mesturas participaron alumnos da Escola de Imaxe e Son (EIS), o único centro público da provincia con ensinanzas da rama audiovisual. Os fondos recadados coa venda do CD dedicaranse á compra de agasallos para os nenos máis desfavorecidos da provincia.
Os temas deste traballo discográfico, que conta coa participación de nomes tan destacados da música galega e internacional como os de Rosa Cedrón e Susana Seivane, soarán ademais como música ambiente durante os 15 días de duración do evento.
Horarios
O mercado de Nadal estará aberto entre o 21 de decembro e o 5 de xaneiro, excepto os días 25 de decembro e 1 de xaneiro, en horario de 11:00 a 13:30 e de 17:00 a 20:30.