A Deputación achega a Monforte as xornadas de formación para o emprego coas que remata o I Pacto polo Emprego
![](/sites/deputacionlugo.org/files/Imagenes/0_7403_1.jpg)
A Deputación de Lugo celebrou esta mañá a penúltima das xornadas de peche do I Pacto Provincial polo Emprego, programa impulsado para fomentar a inserción laboral na provincia que, cun 80% de financiamento con fondos europeos, permitiu a creación de máis de 100 postos de traballo en xacementos de emprego da provincia. Isto foi posible coa formación teórica e as prácticas laborais ás que, a custe cero, puideron acceder centos de desempregados lucenses.
Ó igual que onte no Pazo de San Marcos, Isabel Villamor, experta en proxectos europeos e xestión de cooperativas e Pemes insistiu en deixar claras fórmulas necesarias para atopar atopar traballo, que pasan pola adaptación, planificación e motivación e outros puntos claves sobre o autoemprego. Tras a intervención de Villamor, celebrouse a mesa moderada polo xornalista Javier Rivera e que reuniu a representantes de empresas que ofreceron a formación do Pacto coma Cogami, Cruz Vermella e Fundación Laboral da Construción.
Ó remate, o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, fixo entrega dos diplomas acreditativos ós participantes do Pacto provincial na zona sur da provincia, á que pertencen preto de 250 participantes do total de inscritos. O máximo responsable provincial manifestou a súa seguridade en que os bos resultados deste programa se repetirán o vindeiro ano, nunha nova edición do Pacto polo Emprego para a que están destinados 3,5 dos 7,5 millóns de euros que a Deputación destinará a políticas activas de emprego no 2013. Hai que destacar que o Pacto polo Emprego é o proxecto que acadou máis financiamento europeo en todas as administracións de Galicia.
Mañá en Viveiro
O peche definitivo deste I Pacto provincial terá lugar mañá, coa derradeira edición desta xornada que se celebrará a partires das 10:30 horas no Salón de Actos do Concello viveirense. Igualmente, ó remate da xornada, haberá unha entrega de diplomas acreditativos ós participantes. Aínda está aberta a inscrición, para o que só é necesario cubrir o formulario dispoñible en www.deputacionlugo.org