Deputación de Lugo

A Deputación achega a Monforte as xornadas de formación para o emprego coas que remata o I Pacto polo Emprego

A institución provincial facilitou ós lucenses da zona sur o acceso á “Formación para o emprego”, reeditando na cidade do a sesión celebrada onte no Pazo de San Marcos Ó remate do acto, Gómez Besteiro entregou os diplomas ós participantes no Pacto da zona sur da provincia As xornadas programadas rematarán mañá coa celebración da sesión en Viveiro. Os interesados en participar aínda poden inscribirse a través da web www.deputacionlugo.org

A Deputación de Lugo celebrou esta mañá a penúltima das xornadas de peche do I Pacto Provincial polo Emprego, programa impulsado para fomentar a inserción laboral na provincia que, cun 80% de financiamento con fondos europeos, permitiu a creación de máis de 100 postos de traballo en xacementos de emprego da provincia. Isto foi posible coa formación teórica e as prácticas laborais ás que, a custe cero, puideron acceder centos de desempregados lucenses.

Ó igual que onte no Pazo de San Marcos, Isabel Villamor, experta en proxectos europeos e xestión de cooperativas e Pemes insistiu en deixar claras fórmulas necesarias para atopar atopar traballo, que pasan pola “adaptación, planificación e motivación” e outros puntos claves sobre o autoemprego. Tras a intervención de Villamor, celebrouse a mesa moderada polo xornalista Javier Rivera e que reuniu a representantes de empresas que ofreceron a formación do Pacto coma Cogami, Cruz Vermella e Fundación Laboral da Construción.

Ó remate, o Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, fixo entrega dos diplomas acreditativos ós participantes do Pacto provincial na zona sur da provincia, á que pertencen preto de 250 participantes do total de inscritos. O máximo responsable provincial manifestou a súa seguridade en que os bos resultados deste programa se repetirán o vindeiro ano, nunha nova edición do Pacto polo Emprego para a que están destinados 3,5 dos 7,5 millóns de euros que a Deputación destinará a políticas activas de emprego no 2013. Hai que destacar que o Pacto polo Emprego é o proxecto que acadou máis financiamento europeo en todas as administracións de Galicia.

Mañá en Viveiro

O peche definitivo deste I Pacto provincial terá lugar mañá, coa derradeira edición desta xornada que se celebrará a partires das 10:30 horas no Salón de Actos do Concello viveirense. Igualmente, ó remate da xornada, haberá unha entrega de diplomas acreditativos ós participantes. Aínda está aberta a inscrición, para o que só é necesario cubrir o formulario dispoñible en www.deputacionlugo.org