O Presidente da Deputación participa na manifestación en apoio ás 400 familias que dependen da factoría de Cosmos en Sarria
O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, trasladou hoxe o seu apoio ás 400 familias que dependen de Cementos Cosmos en Sarria logo de participar na manifestación que este sábado organizaron os traballadores desta factoría.
Gómez Besteiro lembrou que o Pleno Provincial aprobará este martes unha moción para instar á Xunta, administración galega con plenas competencias na materia, a que adopte as medidas necesarias para garantir a continuidade de Cosmos no municipio sarriano.
Nesta mesma iniciativa, levada á sesión a proposta do máximo mandatario provincial, a Deputación tamén demandará respostas inmediatas ó Goberno de Feijóo ante o perigo de peche, non só de Cosmos, senón tamén de Tablicia e Alimentos Lácteos.
O máximo mandatario provincial reclama deste xeito solucións que eviten a destrución de 2.400 postos de traballo na provincia os 1.000 empregos que supón a actividade de Alimentos Lácteos, ós 1.000 de Tablicia e ós 400 de Cosmos-. Logo de manter encontros con traballadores de ditas entidades e coñecer polo miúdo a súa situación, Gómez Besteiro destaca a viabilidade destes proxectos.
Ó respecto de Cosmos en Sarria, o titular provincial tamén defende a distribución dos seus produtos en Galicia tendo en conta os prezos -ó producirse na Comunidade o custe é menor- e a calidade do material, extraído das canteiras de Triacastela, consideradas unhas das mellores en Europa.