Deputación de Lugo

O Presidente da Deputación participa na manifestación en apoio ás 400 familias que dependen da factoría de Cosmos en Sarria

A proposta de Gómez Besteiro, o Pleno Provincial aprobará o martes unha moción para instar á Xunta a adoptar medidas que garantan a actividade e os empregos desta fábricaA Deputación demandará a Feijóo “respostas inmediatas” ante o perigo de destrución dos 2.400 empregos que xeran Cosmos, Tablicia e Alimentos Lácteos na provincia

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, trasladou hoxe o seu apoio ás 400 familias que dependen de Cementos Cosmos en Sarria logo de participar na manifestación que este sábado organizaron os traballadores desta factoría.

Gómez Besteiro lembrou que o Pleno Provincial aprobará este martes unha moción para instar á Xunta, administración galega con plenas competencias na materia, a que adopte as medidas necesarias para garantir a continuidade de Cosmos no municipio sarriano.

Nesta mesma iniciativa, levada á sesión a proposta do máximo mandatario provincial, a Deputación tamén demandará “respostas inmediatas” ó Goberno de Feijóo ante o perigo de peche, non só de Cosmos, senón tamén de Tablicia e Alimentos Lácteos.

O máximo mandatario provincial reclama deste xeito solucións que eviten a destrución de 2.400 postos de traballo na provincia –os 1.000 empregos que supón a actividade de Alimentos Lácteos, ós 1.000 de Tablicia e ós 400 de Cosmos-. Logo de manter encontros con traballadores de ditas entidades e coñecer polo miúdo a súa situación, Gómez Besteiro destaca a “viabilidade” destes proxectos.

Ó respecto de Cosmos en Sarria, o titular provincial tamén defende a distribución dos seus produtos en Galicia tendo en conta os prezos -ó producirse na Comunidade o custe é menor- e a calidade do material, extraído das canteiras de Triacastela, consideradas unhas das mellores en Europa.