Deputación de Lugo

O 90% das PEMES e autónomos que lle solicitaron á Deputación a instalación gratuíta de ferramentas tecnolóxicas son do sector servizos

A gran maioría das empresas interesadas en participar no novidoso proxecto dedícanse a actividades comerciais, hostalería, asesoría ou formación As firmas que queiran beneficiarse da iniciativa poden solicitar ás últimas prazas na páxina web www.deputacionlugo.orgO organismo provincial prestaralles asesoramento personalizado para determinar cales son as aplicacións TIC que máis lle conveñen para impulsar a súa actividade, e daralles formación para que as saiban usar unha vez rematado o proxecto

O plan co que a Deputación de Lugo dotará gratis a 150 PEMES e autónomos da provincia de ata 200 ferramentas tecnolóxicas para que melloren e potencien o seu negocio está a atraer sobre todo ó sector servizos. Deste xeito, das máis de 140 firmas inscritas neste novidoso proxecto, financiado ó 80% pola Unión Europea a través do programa Innova-TE, o 90% dedícanse a actividades comerciais, hostalería, asesoría ou formación, mentres que as restantes pertencen principalmente ó sector primario.

As empresas interesadas en beneficiarse desta novidosa iniciativa poden solicitar as últimas prazas a través da páxina web do organismo provincial www.deputacionlugo.org onde atoparán un banner que lles dará acceso a toda a información sobre esta iniciativa e ó correspondente formulario de inscrición. As actuacións arrancarán en xullo e estarán listas en decembro.

Co proxecto de implantación de aplicacións tecnolóxicas nas pequenas e medianas empresas, e autónomos, a Deputación contribuirá a mellorar a competitividade e produtividade das firmas beneficiarias, que reduzan custes e manteñan o emprego.

O director dos departamentos provinciais de Fondos Europeos e Novas Tecnoloxías, Pablo Rivera, destacou o éxito da iniciativa, e animou ás PEMES e autónomos a seguir anotándose, pois, “ademais de non supoñer ningún custe para eles, recibirán un asesoramento moi próximo, individualizado e continuo; formación especializada e as ferramentas tecnolóxicas que mellor se adapten ó seu modelo de negocio”.

O plan consta de feito de tres fases: asesoramento ós empresarios sobre as aplicacións TIC que máis lle conveñen para impulsar a súa actividade ou incluso abrir novas oportunidades de negocio; instalación desas ferramentas; e formación específica para que as saiban utilizar unha vez concluído o programa.

Algúns exemplos das solucións tecnolóxicas que a Deputación proporcionará son as seguintes: a implantación da factura electrónica, comercio electrónico, mellora do posicionamento web, publicidade e marketing a través da Rede, banca electrónica, ferramentas de contabilidade e xestión de clientes, ou antivirus.

Atende unha necesidade do tecido empresarial lucense

Pablo Rivera subliñou a necesidade de impulsar este plan para o tecido empresarial lucense porque tan só un 10% das pequenas empresas da provincia de Lugo –as de menos de 10 empregados- venden por Internet; só o 24% teñen páxina web; e unicamente o 6% está presente nas redes sociais.

Tres gurús do mundo empresarial e TICs

O novo plan emprendido pola Deputación a través do Innova-TE ten un segundo bloque, que consistirá na organización de tres xornadas formativas, tamén gratuítas, e abertas a todo tipo de público, co fin de poñer de relevo a enorme importancia que ten a tecnoloxía na actualidade para o desenvolvemento das empresas.

Terán lugar ó longo do último trimestre do ano, e nelas intervirán tres persoeiros de renome mundial, auténticos gurús no mundo empresarial e das TIC: Eduard Punset, Emilio Duró e Fernando Trias de Bes.