O 90% das PEMES e autónomos que lle solicitaron á Deputación a instalación gratuíta de ferramentas tecnolóxicas son do sector servizos
O plan co que a Deputación de Lugo dotará gratis a 150 PEMES e autónomos da provincia de ata 200 ferramentas tecnolóxicas para que melloren e potencien o seu negocio está a atraer sobre todo ó sector servizos. Deste xeito, das máis de 140 firmas inscritas neste novidoso proxecto, financiado ó 80% pola Unión Europea a través do programa Innova-TE, o 90% dedícanse a actividades comerciais, hostalería, asesoría ou formación, mentres que as restantes pertencen principalmente ó sector primario.
As empresas interesadas en beneficiarse desta novidosa iniciativa poden solicitar as últimas prazas a través da páxina web do organismo provincial www.deputacionlugo.org onde atoparán un banner que lles dará acceso a toda a información sobre esta iniciativa e ó correspondente formulario de inscrición. As actuacións arrancarán en xullo e estarán listas en decembro.
Co proxecto de implantación de aplicacións tecnolóxicas nas pequenas e medianas empresas, e autónomos, a Deputación contribuirá a mellorar a competitividade e produtividade das firmas beneficiarias, que reduzan custes e manteñan o emprego.
O director dos departamentos provinciais de Fondos Europeos e Novas Tecnoloxías, Pablo Rivera, destacou o éxito da iniciativa, e animou ás PEMES e autónomos a seguir anotándose, pois, ademais de non supoñer ningún custe para eles, recibirán un asesoramento moi próximo, individualizado e continuo; formación especializada e as ferramentas tecnolóxicas que mellor se adapten ó seu modelo de negocio.
O plan consta de feito de tres fases: asesoramento ós empresarios sobre as aplicacións TIC que máis lle conveñen para impulsar a súa actividade ou incluso abrir novas oportunidades de negocio; instalación desas ferramentas; e formación específica para que as saiban utilizar unha vez concluído o programa.
Algúns exemplos das solucións tecnolóxicas que a Deputación proporcionará son as seguintes: a implantación da factura electrónica, comercio electrónico, mellora do posicionamento web, publicidade e marketing a través da Rede, banca electrónica, ferramentas de contabilidade e xestión de clientes, ou antivirus.
Atende unha necesidade do tecido empresarial lucense
Pablo Rivera subliñou a necesidade de impulsar este plan para o tecido empresarial lucense porque tan só un 10% das pequenas empresas da provincia de Lugo as de menos de 10 empregados- venden por Internet; só o 24% teñen páxina web; e unicamente o 6% está presente nas redes sociais.
Tres gurús do mundo empresarial e TICs
O novo plan emprendido pola Deputación a través do Innova-TE ten un segundo bloque, que consistirá na organización de tres xornadas formativas, tamén gratuítas, e abertas a todo tipo de público, co fin de poñer de relevo a enorme importancia que ten a tecnoloxía na actualidade para o desenvolvemento das empresas.
Terán lugar ó longo do último trimestre do ano, e nelas intervirán tres persoeiros de renome mundial, auténticos gurús no mundo empresarial e das TIC: Eduard Punset, Emilio Duró e Fernando Trias de Bes.