Deputación de Lugo

A Deputación emprenderá medidas contra a anulación da estación intermodal, 'o novo castigo do PP ós lucenses'

Imaxe deputación de lugo
Martínez destacou que “o PP decidiu xa hai 16 meses que Lugo non conte con este proxecto, que si terá Vigo ou A Coruña, e mentiu ós lucenses durante medio ano para tentar ocultar a súa nova discriminación coa provincia”O voceiro salientou a “marxinación que sofre a provincia cos Gobernos da dereita, que xa ralentizaron infraestruturas vitais como as autovías a Santiago e a Ourense e agora paralizan un proxecto clave para a chegada do AVE a Lugo”

O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, amosou este venres o “o absoluto rexeitamento” da Deputación á decisión unilateral do Ministerio de Fomento de anular o proxecto da estación intermodal na capital lucense, e adiantou que o organismo provincial emprenderá medidas para “esixir ós Gobernos da dereita que deixen de marxinar, castigar e despreciar ós lucenses”.

“O Partido Popular decidiu, xa hai 16 meses, que os lucenses non conten cunha estación intermodal, que si haberá en Vigo e A Coruña. Durante case medio ano, o PP mentiu ós lucenses para tentar ocultar a súa nova discriminación coa provincia”.

Neste senso, Martínez lembrou que “dende que goberna a dereita, Feijóo e Rajoy ralentizaron proxectos e infraestruturas vitais para Lugo, como as autovías a Santiago e a Ourense, ou a A-8, que tamén sufriu retrasos”.

“Agora, tampouco dotarán á capital lucense dunha zona na que se concentre o transporte ferroviario e o de autobús, polo que supoñemos que Rajoy e Feijóo tamén decidiron castigar ós lucenses sen AVE”, remarcou.

Ante esta situación, o voceiro avanzou que a Deputación está a estudar medidas coas que demandar a continuidade deste proxecto.

Xunta de Goberno

A Xunta de Goberno aprobou a contratación de novas actuacións no 1º centro de recría de gando vacún público en España que está construír a Deputación nas instalacións chairegas da granxa Gayoso Castro. Estes traballos consisten na adecuación das naves existentes –anteriores á obra- ás características do centro. Están dotados de 120.000 euros. Este presuposto forma parte dos 5,3 millóns de euros que achega a institución á segunda fase das obras do centro de recría.

A sesión tamén acordou as contas xustificativas de 18 melloras nas dotacións públicas municipais en núcleos rurais de 14 Concellos, financiadas con 152.000 euros da Deputación mediante o Plan de Comunidades Veciñais para 2013. Os municipios beneficiados destas actuacións, ós que a Deputación aforra cartos ó asumir a totalidade de custes”, son os seguintes: Chantada, A Fonsagrada, O Incio, Mondoñedo, Navia de Suarna, Outeiro de Rei, O Páramo, Pobra do Brollón, Ribeira de Piquín, Sarria, Sober, O Valadouro, O Vicedo e Vilalba.