A Deputación emprenderá medidas contra a anulación da estación intermodal, 'o novo castigo do PP ós lucenses'
O voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, amosou este venres o o absoluto rexeitamento da Deputación á decisión unilateral do Ministerio de Fomento de anular o proxecto da estación intermodal na capital lucense, e adiantou que o organismo provincial emprenderá medidas para esixir ós Gobernos da dereita que deixen de marxinar, castigar e despreciar ós lucenses.
O Partido Popular decidiu, xa hai 16 meses, que os lucenses non conten cunha estación intermodal, que si haberá en Vigo e A Coruña. Durante case medio ano, o PP mentiu ós lucenses para tentar ocultar a súa nova discriminación coa provincia.
Neste senso, Martínez lembrou que dende que goberna a dereita, Feijóo e Rajoy ralentizaron proxectos e infraestruturas vitais para Lugo, como as autovías a Santiago e a Ourense, ou a A-8, que tamén sufriu retrasos.
Agora, tampouco dotarán á capital lucense dunha zona na que se concentre o transporte ferroviario e o de autobús, polo que supoñemos que Rajoy e Feijóo tamén decidiron castigar ós lucenses sen AVE, remarcou.
Ante esta situación, o voceiro avanzou que a Deputación está a estudar medidas coas que demandar a continuidade deste proxecto.
Xunta de Goberno
A Xunta de Goberno aprobou a contratación de novas actuacións no 1º centro de recría de gando vacún público en España que está construír a Deputación nas instalacións chairegas da granxa Gayoso Castro. Estes traballos consisten na adecuación das naves existentes anteriores á obra- ás características do centro. Están dotados de 120.000 euros. Este presuposto forma parte dos 5,3 millóns de euros que achega a institución á segunda fase das obras do centro de recría.
A sesión tamén acordou as contas xustificativas de 18 melloras nas dotacións públicas municipais en núcleos rurais de 14 Concellos, financiadas con 152.000 euros da Deputación mediante o Plan de Comunidades Veciñais para 2013. Os municipios beneficiados destas actuacións, ós que a Deputación aforra cartos ó asumir a totalidade de custes, son os seguintes: Chantada, A Fonsagrada, O Incio, Mondoñedo, Navia de Suarna, Outeiro de Rei, O Páramo, Pobra do Brollón, Ribeira de Piquín, Sarria, Sober, O Valadouro, O Vicedo e Vilalba.