Máis de 10.000 alumnos de 97 centros da provincia conmemoran os Días da Árbore e da Auga coas actividades da Deputación
A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, e a Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, participaron no CEIP Santo Estevo de Parga, en Guitiriz, nas actividades escolares organizadas pola Deputación para conmemorar os Días da Árbore e da Auga, que culminaron este venres coa plantación simultánea de exemplares de loureiro nos centros escolares participantes.
A iniciativa desenvolta pola Deputación suma cada ano unha maior participación, sendo nesta ocasión 97 os colexios e 10.000 os alumnos implicados. O organismo provincial facilitou ós centros escolares diverso material didáctico co que os rapaces traballaron ó longo desta semana. Concretamente, recibiron o conto O Tesouro das Terras do Miño, unha guía docente para o profesorado e unha árbore para plantar hoxe no centro.
López Izquierdo animou ós alumnos do CEIP de Parga a protexer o medio ambiente e a facerse responsables da plantación e coidados da súa árbore. A Deputada salientou que con estas actividades, o organismo provincial divulga entre a sociedade a importancia de dous dos maiores recursos naturais da provincia: as árbores e a auga.
As actividades promovidas pola Deputación con motivo desta efeméride remataron cunha plantación simultánea en toda a provincia dos loureiros facilitados polo organismo provincial ós colexios participantes. López Izquierdo e Regina Polín plantaron cos alumnos do CEIP Santo Estevo de Parga o seu exemplar, que os nenos bautizaron e regaron por primeira vez.