Deputación de Lugo

Máis de 10.000 alumnos de 97 centros da provincia conmemoran os Días da Árbore e da Auga coas actividades da Deputación

López Izquierdo e Regina Polín participaron cos rapaces do CEIP Santo Estevo de Parga, en Guitiriz, nas actividades promovidas polo organismo provincial con motivo desta efemérideCentros escolares de todos os Concellos da provincia recibiron o conto “O Tesouro das Terras do Miño”, unha guía docente para o profesorado e unha árbore para plantar hoxe no centroA Deputación fomenta con estas actividades para escolares hábitos de respecto e coidado dos recursos básicos do territorio natural lucense como son as árbores e a auga

A Deputada de Medio Ambiente e Enerxías Renovables, Sonsoles López Izquierdo, e a Deputada de Deseño e Artesanía, Regina Polín, participaron no CEIP Santo Estevo de Parga, en Guitiriz, nas actividades escolares organizadas pola Deputación para conmemorar os Días da Árbore e da Auga, que culminaron este venres coa plantación simultánea de exemplares de loureiro nos centros escolares participantes.

A iniciativa desenvolta pola Deputación suma cada ano unha maior participación, sendo nesta ocasión 97 os colexios e 10.000 os alumnos implicados. O organismo provincial facilitou ós centros escolares diverso material didáctico co que os rapaces traballaron ó longo desta semana. Concretamente, recibiron o conto “O Tesouro das Terras do Miño”, unha guía docente para o profesorado e unha árbore para plantar hoxe no centro.

López Izquierdo animou ós alumnos do CEIP de Parga a protexer o medio ambiente e a facerse responsables da plantación e coidados da súa árbore. A Deputada salientou que con estas actividades, o organismo provincial divulga entre a sociedade a importancia de dous dos maiores recursos naturais da provincia: as árbores e a auga.

As actividades promovidas pola Deputación con motivo desta efeméride remataron cunha plantación simultánea en toda a provincia dos loureiros facilitados polo organismo provincial ós colexios participantes. López Izquierdo e Regina Polín plantaron cos alumnos do CEIP Santo Estevo de Parga o seu exemplar, que os nenos bautizaron e regaron por primeira vez.